O IES Monte Neme, premiado no concurso de curtas «Senda dos Faros»

La Voz

CARBALLO

A traxedia do Serpent é un dos acontecementos narrados polo Monte Neme
A traxedia do Serpent é un dos acontecementos narrados polo Monte Neme MATALOBOS

Os proxectos gañadores, dispoñibles en www.lingua.gal, recibirán 1.000, 600 e 400 euros para mercar material audiovisual ou literario en galego

05 feb 2021 . Actualizado a las 21:42 h.

A Xunta de Galicia vén de publicar os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, certame escolar que naceu co fin de poñer en valor lingua, patrimonio e paisaxe da costa galega a través do audiovisual. Se ben o primeiro foi para o instituto A Cachada (Boiro) e, o terceiro, para o CMUS Xan Viaño de Ferrol, chega para Bergantiños o segundo dos galardóns, que recae no instituto Monte Neme de Carballo. Senda dos Faros. De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos Ingleses a Camariñas é, precisamente, o nome da iniciativa deste centro educativo, un proxecto centrado nos mitos e lendas arredor da Costa da Morte, alimentados polos naufraxios sucedidos nas súas augas, tal e como recolle a Xunta no seu comunicado. O afundimento do Serpent é un dos feitos que se narran.

O certame Senda dos Faros nace no curso 2019/2020, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Instituto de Estudos do Territorio e o Festival de Cans, así como co patrocinio da portuguesa Fundación Enerxías de Portugal Renovables.

«Destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio) e ensinanzas especiais de grao medio, contou coa colaboración de 18 centros educativos que presentaron 24 curtas dun máximo de cinco minutos de duración, segundo o establecido nas bases da convocatoria», daba conta onte a Xunta. Os proxectos gañadores, dispoñibles en www.lingua.gal, recibirán 1.000, 600 e 400 euros para mercar material audiovisual ou literario en galego.