Plumas con mando | O encaixe de Camariñas perdurará

dolores lema

CARBALLO

ANA GARCIA

Escribe Dolores Lema, directora da Mostra do Encaixe | Unha das iniciativas que vela polo futuro é a posta pola formación

04 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A orixe do encaixe de Camariñas é incerta e mesmo se recolle en moitas lendas. Lendas á parte, eu doulle relevancia ás informacións que fan fincapé na procedencia europea do noso encaixe e que nos chegaría por tres vías: a comercial marítima, o Camiño de Santiago e as guerras.

O feito de que a práctica do encaixe quedase reducida á Costa da Morte, en especial ao concello de Camariñas, pode deberse ao illamento ao que estivo sometida esta zona, factor que impulsou que o encaixe se convertera nun complemento da feble economía mariñeira e agrícola. A antigüidade do encaixe sitúase na Idade Media, pero sería no último terzo do século XVIII cando alcanzaría o seu esplendor, coa apertura dos mercados coloniais, ata o 1927, cando sofre unha recesión.

Na segunda metade do século XX comezou a rexurdir, e no ano 1986 o Concello de Camariñas deseñou o Plan de Desenvolvemento do Encaixe de Camariñas que logrou renovar o sector adaptando as técnicas tradicionais ás creacións do sector téxtil. Deste proxecto nace, no 1991, a Mostra do Encaixe que se erixiu como escaparate mundial por excelencia do Encaixe de Camariñas.

Nestes 30 anos levouse a cabo unha intensa promoción que conseguiu poñer en valor a marca Encaixe de Camariñas, apostando sempre pola innovación sen perder a súa esencia. Grazas a iniciativas como a de facilitar o coñecemento do noso encaixe ás novas promesas da moda e ás firmas, como Devota&Lomba ou Dolores Cortés, puidemos amosar o noso encaixe en prestixiosas pasarelas de moda como a Fashion Week de Madrid ou a de Nova York.

A Mostra ten tamén unha proxección internacional conseguida a través da participación das delegacións encaixeiras procedentes de todos os continentes. Ademais, trabállase a prol da dinamización do sector do encaixe ao mesmo tempo que se fomenta o turismo e a actividade económica xeral da nosa comarca.

O futuro

O futuro non está escrito, mais estou segura que a arte do Encaixe de Camariñas perdurará ao longo do tempo. Unha das iniciativas que vela polo seu futuro é a aposta pola formación que se manifesta a través das Escolas Municipais de Palillo, onde as xeracións presentes e futuras aprenden, non só técnicas de deseño de encaixes ou a súa elaboración, senón tamén a valorar a importancia do noso patrimonio.

Os obxectivos da Mostra deberían seguir na mesma liña ademais de integrar novas iniciativas como a fusión do encaixe coas restantes artesanías. En relación a este aspecto, na vindeira Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará de forma presencial entre o 8 e o 12 de outubro, presentaremos o proxecto ArtEncaixe.

Convídovos a que nos visitedes e gocedes deste evento que sintetiza todo o que representa o Encaixe de Camariñas e, mentres tanto, podedes visitar o que e a Mostra Virtual nas redes sociais e na páxina web www.mostra.es [xustamente hoxe, domingo 4 de abril, clausúrase].