Un bosque autóctono froito de 26 anos de traballo de alumnos e docentes do instituto baiés
CARBALLO
Este ano sinalizaron cada especie, con datos e información detallada das árbores
27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«Temos moita sorte de estudar neste centro, porque estamos rodeados de natureza», di Alba Mourelle, alumna do Maximino Romero de Lema. Cando este instituto se inaugurou, no 1995, tiña ao seu redor tres carballos centenarios e un par de ameneiros, mais ao longo destes 26 anos, nunha iniciativa diferenciadora, profesores e estudantes, a comunidade educativa, foron quen de levantar un bosque de especies autóctonas. Hoxe teñen acivros, abeleiras, bidueiros, érbedos, aciñeiras, castiñeiros, tileiras, loureiros, buxos, nogueiras, cerdeiras e ata plantas aromáticas.
Incluso este ano foron máis alá e botáronse a plantar nunha finca anexa, doada por unha familia baiesa, un espazo que deron en chamar O Bosque das Letras e da Música e no que alumnos de segundo de ESO apadriñaron especies para facerse cargo delas e ir observando e anotando os cambios durante o tempo que estean no centro: «Cando no futuro pasemos por diante sentirémonos orgullosos de ter contribuído a crear un ambiente propicio para as árbores autóctonas», din os rapaces nun vídeo difundido este ano para promocionar as actividades na natureza, o seu coñecemento, valoración e protección.
Eles foron quen de abrir unha porta sen retorno, porque como di Mourelle, viron que o ar libre pode ofrecerlles moito máis ca unha pantalla: «Polos rumores do bosque barruntarás antigos e agochados sendeiros. Segue os carballos vellos e sabios que che ensinarán a perderte. Abre os ollos, acurta o paso, respira fondo, en silencio, escoita....», convidan nesta «crónica do país das árbores» na que apelan á natureza como «corazón da saúde», como «desconexión das redes sociais» para conectar «coas redes da vida». Nesta peza audiovisual, len a Saramago para dicir que o bosque máis pequeno será sempre maior que o castelo máis grande, aínda que non teña máis historia ca as das súas árbores.
O bosque do IES de Baio é o froito dun «traballo colectivo» e dunha querenza polo rural, como incide outra alumna, Claudia Lema: «Houbo moita aprendizaxe de por medio». E emoción, suma Mourelle. Coñeceron e dedicaron esforzos a este espazo do centro, pero también saíron ao río Grande ou á Carballeira: «Gustoume moito a experiencia de coñecer o que nos rodea», abunda Alejandro Muíño. Melloraron a observación, tomou conciencia a comunidade educativa do que importa a biodiversidade e coñeceron máis as especies autóctonas. Saben que un carballo centenario pode producir osíxeno para 18 persoas, que a aspirina sae da cortiza de salgueiros ou que os bosques, primeiro fogar dos humanos, son esenciais para a supervivencia, fonte de saúde física e mental cando se entra en contacto con eles. Por iso, sabendo tamén que as árbores diminúen a contaminación, protexen o solo ou favorecen o asentamento de fauna, semella lóxico querer coidalos.
Son sabios dos bosques, coma a xente de antes, pero coas ferramentas de hoxe. Máis alá de plantar especies, dende o equipo de dinamización lingüística do Maximino Romero levan anos traballando na elaboración dunha guía informativa sobre as árbores e arbustos do centro. Este ano, ademais, fixeron realidade un proxecto ben agardado, a súa sinalización, a través de vinte paneis de madeira, con placas de vinilo, nos que se pode ler o nome científico e en galego de cada especie, ver unha ilustración e, a través dun código QR, co móbil, acceder a máis información, aos usos ou a poemas dedicados á árbore en cuestión por parte de autores galegos. As fichas, incluídas no blog O bosque das letras e da música, outra das patas deste proxecto, foron elaboradas o curso pasado por alumnos e docentes.
Dende Baio din ser conscientes de que a educación ambiental é unha materia transversal, que toda todos os departamentos, de aí que visen necesario implicar a toda a comunidade educativa. Porque como din nese vídeo do Clube de Letras que calquera pode ver na canle de Youtube, xa o deixou dito o noso poeta da terra Manuel María: se da lingua precisamos para vencer, da natureza precisamos para poder vivir.