Ruta das mámoas por Cerqueda e Vilanova: unha guía 

X. Varela

CARBALLO

BASILIO BELLO

Nunha andada case circular poderemos contemplar toda unha variedade de túmulos

28 jul 2021 . Actualizado a las 17:41 h.

Calquera visitante da Pedra da Arca de Cerqueda debería saber que se encontra nunha enorme chaira poboada de dolmens e mámoas que a converten nunha das necrópoles máis interesantes do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Un auténtico museo megalítico ao aire libre. Aínda que Pedra da Arca sexa o mascarón de proa desta contorna patrimonial milenaria, nunha andada case circular poderemos contemplar toda unha variedade de túmulos.

O primeiro dos puntos salientables deste percorrido é a parella Pedra da Arca e mámoa do Marco, distantes ambos como uns cen metros. Esta situación de dolmen e mámoa tan próximas debe ser un caso raro na Costa da Morte. Adecentada a súa contorna, dispoñeriamos de dous xacementos non só de enorme valor patrimonial e interese turístico senón tamén de grande importancia didáctica para visitas escolares. Se miramos desde Pedra da Arca para a chousa veciña, encontraremos a gran mámoa do Marco. Nela observaremos o seu perfil de media laranxa case intacto. No seu cume, o correspondente cono de violación. Desde ela, contemplamos Pedra da Arca coa súa mámoa moi rebaixada e as grandes pedras saíndo da cámara e do corredor. Coma dente novo que se amosa na súa enxiva. En chegando a Taraio estaban as mámoas do Marco 1 e 2. Desapareceron. Tras pasar Limiñoa, a mámoa das lagoas de Cachón. Nunca foi catalogada. Desfíxose hai poucos anos en tarefas de pradaría. Localizáraa Evaristo Domínguez Rial durante un traballo de campo para o IIIº Día da Pedra da Arca. Daquela xa estaba seccionada nunha terceira parte pola actual estrada Santiso-Limiñoa. Víaselle o cono de violación e unha gran pedra deitada. No Quente están a mámoa do Quente 1 e 2. Outro dos puntos destacados desta necrópole. Dúas mámoas, unha a carón da outra. Quizais non cheguen a bicarse os seus dous círculos peristalíticos, pero case. Desculpade a comparación. Se a etimoloxía da palabra mámoa procede de mama, teta, aquí, a vista de dron, temos un completo par de peitos de muller emerxendo na paisaxe. Camiño adiante está, ou estaba, a mámoa do Quente. Fora catalogada. Por máis que a temos buscado non demos con ela. Quizais desaparecera nunha plantación forestal de piñeiros. Esperemos estar equivocados.

Proseguimos andada ata a mámoa das Ripas 1. Outra das xoias deste percorrido. Dolmen estragado equidistante a Pedra da Arca que marca as antípodas desta ruta megalítica. Rodeada de fieitas, conserva varios ortostatos do que pode ser a súa cámara. Calquera visitante de Pedra da Arca non pode cometer o pecado de deixar de acudir a este último xacemento. Na parcela veciña está a mámoa das Ripas 2. É pequena. En nova plantación de piñeiros. Parece milagre que sobrevivise a esta tarefa forestal. Quizais fose rebaixada da súa altura orixinal. Comezamos a virar na nosa ruta circular e chegamos á mámoa da Pedra da Mina. É curioso que sobreviva aquí este topónimo. Todas as chousas da contorna se chaman O Quente e esta parcela ten nome de seu, distintivo. Nesta mámoa destaca o seu fondo cono de violación. Sobrepasará o metro de profundidade. É o máis profundo de todas as desta necrópole. No cono vese algún bordo das súas grandes pedras e fragmentos da coiraza.