Isabel Naveira: «A Furna Furada en Carballo é un sitio espectacular, tremendo»
CARBALLO
![Caión, na Laracha, é o areal de referencia para Isabel Naveira á hora de gozar do verán](https://img.lavdg.com/sc/gh7LMTmOqUDmm9b84ex6Z-WvGBQ=/480x/2021/08/28/00121630141382742422815/Foto/CG29C12F2_2.jpg)
A REMOLLO | Logo dun parón pola pandemia, a actriz volve a ensaiar para un proxecto. Así fala sobre a Costa da Morte e sobre ese Buraco do Demo, como na serie Néboa lle chamaban
29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Isabel Naveira recupera a actividade logo dun parón forzado pola pandemia. Cunha obra teatral volve á acción despois dun ano sen case rodaxes. Un dos seus últimos traballos, galardoado co premio Mestre Mateo á mellor serie, Néboa, é unha produción de misterio cunha ambientación especial: a Costa Ártabra. Porén, tamén se rodou en lugares como a praia cabanesa de Rebordelo ou a Furna Furada de Carballo. Unha nova oportunidade para que a actriz en éxitos galegos como Serramoura ou Mareas Vivas, serie coa que xa explorou a zona, redescubrira a súa área de descanso estival preferente
-Cando nace ese vínculo coa Costa da Morte?
-Pois desde que nacín. Miña nai e miña avoa eran de Corcoesto e meu pai, de Coristanco. Ademais, os de Arteixo sempre tiramos para esta zona pola proximidade.
-Como foi explorar a zona rodando Mareas Vivas?
-Naquel momento estaba descubrindo a Costa da Morte, porque Corme e Laxe aínda non os coñecía moito, pero estou encantada de coñecer un entorno tan marabilloso.
-E agora a Costa Ártabra con Néboa?
-Descubrín moitos novos lugares, porque o norte é o gran descoñecido de Galicia. É unha zona impresionante, tremenda e espectacular.
-Unha das localizacións onde se gravou a serie foi o sanatorio de Cesuras. Como era rodar nun lugar así?
-Daba un pouco de medo polo desvencellado que estaba, polos buracos e a falta de varandas nas escaleiras. Cantas historias habería alí dentro. Unha cousa que podo asegurar é que era un lugar moi frío, sobre todo de noite.
-Dos lugares que visitou mentres rodaba, con cal se queda?
-Das rodaxes quedaría, sobre todo, con lugares que vin en Néboa. Hai varios, pero escollo o que na serie é o Buraco do Demo. A Furna Furada en Carballo é un sitio espectacular, tremendo. Na zona de costa limítrofe con A Laracha. Cando había marea alta baixabamos con arneses polas paredes de rocha e, cando estaba baixa, entrábamos por mar gabeando polas pedras. Penso volver a visitala cando poida.
![Furna Furada de Carballo. En Néboa, O Buraco do Demo](https://img.lavdg.com/sc/jPgB_CgdlGwrcE3vxeTEITf2fUw=/480x/2021/08/28/00121630174563316975744/Foto/C13F1016.jpg)
-Como lle afectou a pandemia?
-Afectoume moitísimo, pasei dunha época de moito traballo a estar un ano parada. Agora parece que a cousa se recupera un pouco e o mundo volve a virar.
-Como é traballar coas medidas de seguridade?
-Cando volvín a rodar no proxecto de Sofía Casanova, a obreira do pensamento foi unha cousa estraña e moi complicada. Probas anticovid tódolos días, estar quitando e poñendo a máscara coa maquillaxe. Ademais, son de natureza tocona e custábame non achegarme a dar abrazos e bicos aos meus compañeiros.
-Como é traballar en web series como Amnesia 3.0?
-Quero felicitar a Carballo pola súa gran programación cultural, porque o Interplay abre unha ventá a estes proxectos como nos que traballei. Son rapaces novos, formados e con moito talento e ilusión. Só lle faltan cartos e medios, pero acadan uns resultados divertidos e de calidade.
-Ve alguén en concreto que teña potencial?
-Lucía Estévez ou Irene Pin, coas que traballei para Xan e para Amnesia 3.0. Espero traballar algún día con elas en proxectos maiores, con máis cartos, porque o merecen. Esta nova xeración está facendo un moi bo camiño, con moito talento, gústame por onde vai a cousa.
-En que proxectos está centrada agora?
-A principios de setembro volvo ao teatro, a subirme ás táboas, cunha obra titulada, provisionalmente, Cigarreiras, unha adaptación feita por Cándido Pazo de A Tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Imos comezar os ensaios axiña, aínda que se me cae a baba coas miñas sete compañeiras, son todas moi boas actrices. Estrearemos o día 24 e 25 de setembro no teatro Rosalía de Castro, de A Coruña. Espero que o aforo non sexa moi limitado. Se todo vai ben, tamén estamos pensado en facer unha pequena xira por Galicia e, ao mellor, pasamos pola zona.
![Isabel Naveira, en Néboa](https://img.lavdg.com/sc/w3tas2PyhQiCa_d59qkGrqjj3KY=/480x/2021/08/28/00121630174862460444592/Foto/J03M0043.jpg)
Máis de preto
Mar ou montaña? Máis de mar, non sei se por costume ou porque a montaña me parece máis complicado, pero gústanme os dous. O único que non soporto é o inverno e a neve.
Carne ou peixe? Iso é moi difícil, non escollo.
Probou os percebes do Roncudo? Probei e son espectaculares, sempre que veño pola zona próboos. Pero coidado cos da Torre, que tamén son moi bos.
É de andar de tapas? Si, por suposto. É das cousas que máis me doen da pandemia. Boto de menos andar de viños e non sei como estes bares se van a recuperar.
Onde se sentaría a ver unha posta de sol na Costa da Morte? Practicamente en calquera praia, pero escollo Balarés. Eu xa ía de nena e, agora, de maior recupereina.
Probou a auga da Praia dos Cristais? Si, pero fai moitísimo tempo e recórdoa fría. Agora din que a praia cambiou moito.
Sabe cal é a catedral do megalitismo? Diría que o dolmen de Dombate.
Coñece a Eduardo Pondal? Coñezo, si. Lin algo cando estudaba e redescubrino cunha obra teatral. Sorprendeume que chega a mencionar a Meicende.
Como sería a súa tarde de verán perfecta? Sería, primeiro, ir a comer a un sitio chulo. Ir á praia sobre as seis e acabar vendo a posta de sol tomando algo. Non son de ir á praia a tomar o sol toda a tarde.
Luis Iglesia ou Luis Tosar? Non podo escoller. Imposible. Os dous teñen algo en común, que son dous grandes compañeiros. Escollería facer unha película cos dous.