Os «ninguén», agora con voz propia: día de estrea nas Festiletras 2021 

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Omar Rabuñal
Omar Rabuñal Ana Garcia

SEGUE O FESTIVAL NO COUTO, PONTECESO | Omar Rabuñal é o director do documental co que a Fundación Pondal pon en valor xente do común e homenaxea os 60 anos de Memorias dun neno labrego

03 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén.

Xosé Neira Vilas (1928-2015), grande amigo das Festiletras do Couto, elixiu un afortunado día estas palabras para iniciar unha das obras máis importantes da literatura galega, Memorias dun neno labrego. Cúmprense sesenta anos desta publicación e a Fundación Eduardo Pondal quixo renderlle homenaxe promovendo o proxecto audiovisual Ninguén. Non des a esquecemento, un traballo da autoría de Omar Rabuñal. A estrea foi onte mesmo, na segunda xornada das 39.ª Festiletras e con presenza da Fundación Neira Vilas. Ao abeiro dos Fondos de Proxectos Culturais Xacobeo, puido Omar artellar este documental que o ten, di, satisfeito e contento. «O reto era poñer en valor aos ninguén, e penso que o acadamos con creces. Conseguimos un documental de xente do común que ten cousas moi interesantes que contar», explica. Dáselle valor ás súas declaracións e vivencias: «Mesmo para eles, seguramente, iso que contaban non parecese importante, pero éo. Falamos, por exemplo, da perda da infancia nunha época da posguerra onde se facían adultos sen pasar adolescencia», abunda o director da peza.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre ‘cando está de Deus’, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rimos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos, escribiu Neira Vilas nesas Memorias. Eduardo quería xogar, rachaba os zapatos, pensaba en pasalo ben, pero sabía que tiña que axudar e traballar na casa. Tamén se fala no documental da emigración, e dende ángulos poucos coñecidos dos que Omar prefire non facer spoiler. Educación, ocio, profesións, cultura popular... As preguntas que se lle fixeron aos informantes, de Bergantiños e arredores, gardaban relación con cada capítulo do libro. E tamén o documental se estrutura así, por capítulos chamados igual que na obra. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén... reflexiona Balbino. Agora xa si. Os Balbinos de aquí teñen voz.

Valentín González: «As Festiletras demostran que o rural está vivo»

A Deputación da Coruña, unha das entidades colaboradoras nesta nova edición das Festiletras, celebrou o arranque deste encontro polo que xa comezaron a pasar grandes referentes da música, da literatura ou da ciencia en Galicia. Un encontro que, en palabras do presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, «demostra que o rural está vivo e que se debe potenciar con eventos coma este, que converten lugares como O Couto en auténticos referentes da cultura e a divulgación científica». Precisamente neste último ámbito arrincará hoxe a Festiciencia, unha iniciativa que achega este saber aos máis novos e que permite ver o traballo das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal, outra das iniciativas da fundación pondaliana. «Impulsar a cultura e aos seus creadores e creadoras neste momento de reactivación é chave para a recuperación dun dos sectores que máis se viu afectado pola crise do covid-19», indiciu doutro lado González Formoso, destacando a importancia do Festiletras como xerador, non só de talentos e vocacións, que tamén, senón de economía local para Ponteceso. Aínda quedan tres días por diante.

Celso Fernández
Celso Fernández Ana Garcia

Unha tarde para contar, contos e tamén animais

Nunha das terrazas adecuadas en espazos da aldea do Couto, un pode refrescarse mentres escoita o cacarexar das galiñas. Percorrer os distintos puntos de creación, ben sinalizados, tamén permite pasar por diante dun rabaño de ovellas. Os animais son Festiletras. Precisamente arredor deles e da súa presenza na cultura tradicional contou onte un bo número de contos o narrador lalinense Celso Fernández Sanmartín: con ese seu retrouso tan particular, Contos de animais chegou ao Couto da man do Consello da Cultura Galega, ente que onte puxo en valor os case 40 anos que leva esta aldea promovendo a cultura no rural. Unha función vencellada á obra Antoloxía do conto popular galego, de Henrique Harguindey.

Touriñán e Blanco
Touriñán e Blanco Ana Garcia

Tamén contaron onte, e ben, Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. As entradas para ver aos dous grandes do humor galego, xa Bos e Xenerosos, ficaron esgotadas. Asi vén o programa para hoxe, venres 3

lendo a ciencia

Rosa Aneiros, Ceo Aberto e Íntegro. Actividades previstas inicialmente para onte, levaranse a cabo hoxe, logo dunha xornada de xoves no que voluntarios pequenos e mozos acudiron a aliviar de lixo entornos naturais da volta. Conciencia, pois. Rosa Aneiros, Ceo Aberto e Íntegro, co seu proxecto Diversiplás, estarán man a man nesta proposta que terá oco para a obra «Xelís, o guieiro das botellas do mar» (Xerais), toda unha aventura para salvar os océanos dunha illa de plástico. Haberá, a maiores, un obradoiro cunha mariscadora e unha redeira.

Sabela Fernández Trelles. Ás 11.00 horas, falaralles aos nenos e nenas da súa obra «Que queres ser de maior, pequena?» (Xerais): «A Antía moito a amola que os adultos lle fagan decote esa pregunta e, aínda máis, que sempre a respondan eles mesmos sen contar coa súa opinión...», di a sinopse. Sabela Fernández Trelles é mestra especializada en Audición e Linguaxe e licenciada en Psicopedagoxía.

David Ballesteros
David Ballesteros Ana Garcia

Festiciencia

Obradoiros e espectáculos. Vivir, aprender e contar ciencia pode facerse de xeito moi divertido. David Ballesteros, coordinador das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal, é a persoa de referencia no Festiciencia, outra das actividades máis destacadas das Festiletras. Diferentes recunchos da aldea están preparados para albergar experimentos e obradoiros. Haberá, como complemento, espectáculos e máis letras, caso de «Puf, vaia peido» (Galaxia), de Luísa Martínez (16.00 horas). «Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes. Seres vivos que atopamos no noso contorno e nomes que tamén nos fan pensar noutras cousas ben diferentes e, case sempre, disparatadas», di parte da sinopse. Animais, plantas, fungos e moito máis.

Bos e Xenerosos

Xurxo Souto. Neste 2021 son tres os premiados, e Xurxo Souto será o primeiro en recibir o seu galardón. Home de salitre, falaba días atrás da admiración mutua coas xentes do Couto, de arelas compartidas en favor da cultura. Un recoñecemento que chega da verdade e logo de moitos anos de colaboración continuada. Faráselle entrega antes do concerto final desta xornada.

Concerto

Fetén Fetén e amigos. Concerto con entrada, 18.00 horas. Consultar en ataquilla.com. De todo os xeitos, a organización reservou 50 para a billeteira, cada día (non se reservan). Fetén Fetén son Jorge Arribas e Diego Galaz. Non estarán sós no escenario e veñen cargados de ritmo a un dos seus encontros preferidos. Traen «Melodías de ultramar».

afundacion