Dolores Lema: «Sen voluntarios non habería Mostra do Encaixe de Camariñas»
CARBALLO

«No Nadal vinme organizando dúas Mostras ao mesmo tempo, a virtual e a presencial, e foi un baixón cando en Semana Santa non se puido volver facer»
05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Semana Santa do 2019 foi a última vez que o pavillón municipal de Camariñas se encheu de expositores, modelos e grandes deseñadores para celebrar a súa artesanía máis internacional: o encaixe. Dous anos e medio despois, e tras dúas cancelacións da que será a trixésima edición, este mesmo venres volve a Mostra do Encaixe. A directora da cita, Dolores Lema, confésase tremendamente «emocionada» por poder pechar esta etapa de desconcerto marcada pola pandemia.
-Despois de dous anos e medio xa terá ganas de Mostra...
-Ganas de Mostra e ganas de pechar o círculo covid, como digo eu. Todo isto comezou uns días antes de celebrarse a edición do 2020 e ten sentido que agora, coas cifras tan boas que temos, se poida por fin levar a cabo este 30 aniversario.
-Entramos xa no terceiro ano deste mandato e a alcaldesa aínda non inaugurou a súa primeira Mostra do Encaixe...
-Nin a concelleira desa área, Encarna! Pero o importante é que todo estea ben, para ir volvendo a algo que se pareza á normalidade. Aínda que non creo que volvamos estar coma antes.
-Como foi este ano e medio para as palilleiras?
-Houbo altos e baixos, supoño que como en tódolos sectores, e sobre todo tivemos que innovar. Nada máis declararse o estado de alarma comezamos a buscar telas TNT para facer máscaras sanitarias para todos -que lonxe queda todo aquilo!- e despois xa falamos con deseñadores, como Esteban Freiría, para ver como se podería incorporar o encaixe ás máscaras. Sobre as vendas, as tendas están contentas co que se puido facer este verán, xa que houbo bastante xente.
-Podería dicirse que o esquelete da Mostra se sostén sobre os voluntarios.
-Totalmente, cada un aporta o que pode e todo é indispensable. Eu mesma fun voluntaria durante moitos anos antes de ser directora. Detrás deses cinco días de Mostra está o traballo desinteresado de moitísima xente. Este ano, por exemplo, traballamos cos rapaces de Audiovisuais da Universidade da Coruña para facer vídeos das coleccións de noveis e grandes deseñadores e do apartado de ArtEncaixe, o que implicou moito traballo e a colaboración de moita xente que mesmo nos prestou cabalos ou colmeas para sacar nas tomas. Os proxectos grandes saen adiante integrando a todo o mundo.
-Moitos non lembrarán como era Camariñas sen a Mostra.
-A min mesma, que vou para 50 anos, me custa. Xa cando estaba na carreira tiña interiorizado que ao chegar Semana Santa tocaba ser voluntaria alí. E coma min, miles de persoas que foron pasando nestes trinta anos. Todo o pobo se implica.
-Cal diría que é a principal novidade deste ano?
-Cada ano tratamos de traer cousas novas, pero sempre tendo en conta que é unha cita monotemática en torno ao encaixe. Para esta edición quixemos amosar como se podería aplicar a nosa artesanía a outras artesanías, como xoiería, cestería, elaboración de tocados ou traballo con vimbio. É a sección de ArtEncaixe e este ano participarán dez artesáns galegos, que amosarán as súas creacións nun desfile. A idea é ir medrando e incorporando máis nomes tamén de fóra da comunidade.
-E tamén hai lugar para a solidariedade e as boas causas.
-Así é, de feito neste apartado de ArtEncaixe participa a ONG Égueire coas pezas da campaña «De mujer a mujer», elaboradas por mulleres marfileñas. Para esta edición non lles deu tempo a incluír a puntilla, pero si o farán en próximos anos.
-Manteñen a tradicional xuntanza de palilleiras. Cantas serán?
-Por cuestións de aforo limitamos a cincuenta por día. O certo é que os cambios que foi habendo na normativa complicáronnos bastante a organización e a elaboración dos protocolos.
-Como controlarán a seguridade?
-Teremos unha máquina contapersoas na entrada e pediremos os datos dos asistentes, anotando a hora de acceso, por se sucedese algo. Indispensable levar máscara e gardar as distancias, claro está.
-Que é o que lle fai máis ilusión?
-Sentir que, desta vez, parece que por fin vai ser a definitiva. Volver estar 24/7 pensando na organización, independentemente do traballo que iso supón, é un subidón. No Nadal do ano pasado vinme organizando dúas Mostras, a virtual e a presencial, e ao final chegou Semana Santa e non puido ser, o cal foi un baixón. Ata que ves os expositores montados non acabas de crelo, pero é unha sensación indescritible.