La Palma

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

15 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasan os días, pero non pasa a lava do volcán de La Palma, esa illa fermosísima e agora duramente castigada. Non nos esquezamos dela, porque malia as cuantiosas axudas que o Goberno central e canario xa comprometeron, todo o que se poida sumar agradécese, sobre todo en cartos, porque do demais xa hai en exceso. E iso que nestes últimos días houbo case un milleiro de evacuados máis. Unha traxedia para Los Llanos, e tamén para El Paso e Tazacorte, os municipios veciños polos que tamén pasan esas coladas tan impresionantes, sobre todo polas noites.

Hai moitas notas en común co Prestige, especialmente as solidarias, e mais polo medo ao que pasará. Non poucos palmeiros evocaban o desastre na nosa costa, que se saldou con outro tipo de danos e tamén moito apoio. As relacións coa Costa da Morte, polo demais, son menores, escasas para un arquipélago no seu conxunto que durante tanto tempo foi como a nosa segunda Suíza. Pero lonxe, xusto ao outro lado, por Fuerteventura e Lanzarote, e por Tenerife e Gran Canaria. Sempre llo digo a todo o mundo: cando todo isto pase, hai que visitar esa illa que ten o tamaño de Bergantiños. E mercar os plátanos de alí, por certo, que son case todos os que hai polos supermercados. Unha illa na que a presenza comarcal é moi escasa: un policía de Carballo que leva 17 anos, un técnico forestal tamén carballés por parte materna con case corenta alí... E un veciño de Montaos, en Ordes, que chegou hai medio século e montou un bar en Tazacorte polo que pasa a diario moito do sentimento das terras afectadas, no que por momentos se ve nos ollos da xente o medo e o sufrimento.