Domingo Antonio de Andrade recibiu, por fin, as honras da Real Academia de Belas Artes
CARBALLO

A efeméride foi dedicada ao arquitecto ceense tanto en 2020 como en 2021 tralo estoupido da pandemia. Onte celebrouse na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos o Día das Artes Galegas
18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
Tiveron que pasar case dous anos, pero por fin Domingo Antonio de Andrade puido ser honrado pola Real Academia Galega de Belas Artes. A entidade decidiu en 2019 dedicarlle ao arquitecto ceense o Día das Artes Galegas 2020, mais a chegada da pandemia obrigou a expandir a efeméride un ano máis e a ir pospoñendo sucesivamente o acto oficial en homenaxe á figura do arquitecto, considerado o máximo expoñente da corrente coñecida como barroco galego.
Numerosas autoridades desprazáronse onte ata a Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, para participar na celebración oficial do Día das Artes Galegas. A cuarta vaga da pandemia impediu promover esta conmemoración en abril, como era habitual, e o repentino pasamento do Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, volveu retrasar o evento ata onte. O responsable de Cultura, a directora xeral de Patrimonio, o secretario xeral de Cultura, a subdelegada do Goberno, os presidentes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, así como o máximo responsable da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana, participaron na celebración, á que tamén acudiu a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela. «Impresionante a Torre [da Berenguela] de Andrade, que se encende cada ano para iluminar aos peregrinos a súa chegada a Santiago, como un faro», sinalou a rexedora ao término do acto, que estivo presentado pola xornalista Eva Millán. O Trío Compostela encargouse do acompañamento musical.
Durante a súa intervención, Quintana destacou que Domingo Antonio de Andrade «pode ser considerado como o máis importante arquitecto do barroco galego» e puxo en valor a súa obra eclesiástica e civil. Pola súa banda, o académico numerario e vicepresidente da RAGBA, Celestino García Braña, abondou no traballo de Andrade dende unha perspectiva máis técnica. Ademais de enumerar as súas numerosas creacións, sinalou que o ceense conseguiu «romper o predominio dos arquitectos foráneos de Galicia» e representar o «espírito dun tempo».
O enxalzamento da figura de Andrade comezou xa en 2020 cun acto en Cee, a súa vila natal. O 1 de abril de 2021, Día das Artes Galegas, colocouse unha placa conmemorativa na capela da Concepción da Catedral de Santiago, onde o homenaxeado está soterrado. Tamén se inaugurou unha exposición itinerante sobre a súa obra polas cidades galegas e está previsto que este outono se publique un libro colectivo coa participación de doce especialistas na obra do arquitecto. Esta publicación, finalmente, dará paso a un ciclo de conferencias.