Diferentes varas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Diego Fernández

O melloriño de todo é que, namentres algunhas marcas modifican os patróns para que existan prendas exclusivas a corpos iguais, inclúen modelos plus size para depurar a súa imaxe

29 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con isto do Black Friday e as rebaixas todos picamos nalgunha prenda. Aquel pantalón que nos parece que se pode combinar con calquera cousa ou esa camisa con apliques tan orixinais. Pásame que nalgunhas tendas visto unha M de camiseta e se paso a outras non me chega unha XL para abrochar os botóns da camisa sen que estoupen. Non falemos dos pantalóns, onde podemos pasar dunha 40 a unha 46 mudando de marca. As que máis adecuadas tallan son tendas suecas no meu caso, onde visten tanto a unha persoa ancha coma a unha delgada. En cambio, esa marca con Z que tanto nos chifla a todas, tanto che fai pensar un día que estás ao borde de ter que empezar un novo réxime como que adelgazaches un quintal en menos de nada.

Ás veces, vestir unha peza desta marca xa é un logro. O melloriño de todo é que, namentres modifican os patróns para que existan prendas exclusivas a corpos iguais, inclúen modelos plus size para depurar a súa imaxe. Non falemos doutras filiais do mesmo grupo que separan con outro nome as tallas grandes. As mulleres temos curvas, corpos asimétricos, volumes. Tamén hai xente que vive nun mundo oposto, son especialmente delgadas ou delgados e non atopan roupa fóra da sección de nenos. Só poden optar a estampados infantís porque as empresas textiles tamén os obvian.

Quizais nestas rebaixas existan nenas e mozas que sintan a súa autoestima minorada, que non coman por medo a seguir engordando porque o pantalón da súa talla xa non lle entra. O máis seguro é que a 38 da etiqueta sexa unha 36 real porque, simplemente, cada lobby ten a súa propia vara de medir. Vestir, indiferentemente da talla, non debería ser un luxo, senón un dereito fundamental que non nos discrimine tan cruelmente.