O Camiño do Arrieiro, tramo 2: do Rego Furado ata A Cristina

Luís Giadás

CARBALLO

ANA GARCIA

TRAMO NÚMERO 2 DESTE CAMIÑO DENDE PONTECESO  | Escribe Luís Giadás

11 mar 2022 . Actualizado a las 23:20 h.

Logo da introdución á Vía Céltica Pondaliana e o tramo primeiro deste camiño dende Ponteceso, continuamos co segundo. Por detrás da Cruz da Maldición, o camiñante pode achegarse ata as Penas (ou Pedras) do Rei e contemplar, despregada ante os seus ollos, a extensa panorámica do Esteiro do Anllóns, dende a ponte de Ponteceso ata a Punta de Enmedio ou Barra e, máis alá, a illa da Tiñosa e os cantís de Balarés e Corme. Á esquerda do Esteiro, as moles montañosas do Bosque de Vilariño e, máis afastada, da Pena Santa da Eirita; á dereita, o Alto das Travesas (o Monte Branco pondaliano, sinal de enfilación dos barcos da ría de Canduas ou de Corme/Laxe), a Serra (que separa Corme de Ponteceso), o Faro de Brantuas e, xa no límite da nosa vista, o val de Niñóns, intuíndose o mar homónimo, símil anímico do propio Bardo. Polo mesmo prezo, ao pé deste miradoiro natural temos… unha cama de xabarín!

O topónimo Pedras do Reino adoita ir referido ás alturas que dominan estratexicamente a paisaxe: Pena do Reino, por detrás da Costa de Corme Aldea, preto do Camiño do Bispo. Así mesmo, os Borbóns dezaoitescos reservaron piñeirais en cada parroquia, para construción de barcos da Armada en Ferrol: A Devesa do Rei, tanto no Briallo (Cospindo) como no Alto do Pareixo (piñeiral de Tella); o Pinar do Rei, na Miñata (Anllóns). A este respecto, informounos o erudito sacerdote Fidel Fernández Bello sobre a Pedra do Reino, que se atopa á dereita do camiño que vai do Cotón do Muíño ata o desaparecido caserío de A Cotela (Zas), controlando o val de Lamas e o Castelo do Allo: «Do Reino quere significar que era pedra comunal, calquera podía collela para construír. Os Montes do Rei eran os comunais».

Tornamos a rentes da Cruz de San Pedro (a chousa que desce dela chámase tamén San Pedro) e volvemos á pista do Rego Furado. En tempos fora propiedade particular do párroco de Anllóns, xa que, neste límite entre as parroquias de Tella (a igrexa parroquial data de 1938) e de Anllóns posuía un terreo circular, a Chousa do Crego, e, pouco máis adiante, o Mato do Crego. Precisamente, a primeira acta municipal que conserva hoxe en día o concello de Ponteceso é unha reclamación dos veciños do lugar de Tella porque o crego pechara o camiño do Rego Furado para ir ata a Feira de Anllóns (1839).

ANA GARCIA

Nesta corredoira atopamos a razón do seu topónimo: o Rego Furado ou Rego dos Sapos xorde no Monte Furado de Arriba, nun manancial, a Fonte de San Fins, hoxe canalizado, empozando nesta pista para agocharse entre as pedras e saír, máis abaixo, á pista asfaltada Tella-Anllóns, nun río de lavar. A carón deste, un cartel indícanos a súa lenda, tal e como a recollera Pondal: Polo furado do regacho esvaraban unas luciñas bretemosas… as almiñas dos defuntos de todo o Val Nativo. Cóntanos Pablo Blanco que, hai anos, daban de beber destas augas aos nenos mirrados, para que colleran forzas, coma unha Fonte da Fame.

Xa se albiscan abaixo as casas de A Cristina: As Pedras de Santa Cristina eran os cantís que estreitaban o río Anllóns neste punto, agora convertidas en canteira de gneis de bandas. O topónimo Cristina (culto ás augas) repítese nos puntos arremuiñados dos ríos (existe aquí o traizoeiro Pozo da Cristina) ou das rías, como en Oleiros a chamada Foz de Santa Leocadia (ata o século XIX), Punta do Areal ou Punta de Frecha (ditadura de Primo de Rivera), Barra das Xubias (franquismo)… a actual praia de Santa Cristina.