CAMIÑOS E PEREGRINACIÓNS | Así sería o primeiro tramo deste percorrido con inicio en Ponteceso
11 mar 2022 . Actualizado a las 23:23 h.Un dos currunchos máis pintorescos da vila de Ponteceso é o Campo da Feira da Trabe, coa vivenda do ferrador no medio (poldro de ferrar incluído) e as casas brancas con galería que a circundan. Alí, entre O Cucheiro de Abaixo e A Abellariza, Cesáreo Pondal mandou extraer a pedra para enlousar a nova trabe ou calzada entre a ponte da Bouza de Abaixo (a ponte que comunica con Cabana) e A Ferradura (muro situado no que hoxe é o edificio de Abanca). Era o 1854. Naquela mesma explanada, en 1858, ergueríase a feira, traída dende Anllóns de Arriba polo propio Cesáreo (mágoa de non conservárense os pendellos de pedra onde se vendían tecidos e que aparecen nun cadro da época, na Casa Valdés, pois hoxe serían unha xoia etnográfica como os de Agolada ou Moeche…).
Comezamos aquí a posible Vía Céltica dende Ponteceso. Subimos paralelos á Chousa Grande da Trabe ou Chousa de don Manuel (Vázquez Gundín, farmacéutico, propietario dun muíño eléctrico e introdutor da luz eléctrica no concello), onde agora se erguen tanto o colexio e o centro de saúde como o instituto. Deixamos á dereita a pista asfaltada cara Anllóns e subimos a enfesta costa de Mondelo —á esquerda quédanos o Monte dos Capadores— ata chegar a unha encrucillada: á esquerda, a pista asfaltada lévanos á Gándara e, á dereita, unha corredoira de terra será o noso seguinte obxectivo. Esta área coñécese como San Pedro ou o Monte da Cerca (houbera un cercundo moi extenso, comentáranos o panadeiro O Sabio). Ata o franquismo, esta senda era o camiño histórico que comunicaba aos veciños do Lugar de Tella (denominación que aparece nos documentos antigos) co pobo de Sanfins ou San Fiz de Anllóns, xa que a capela de Santo Outelo de Tella dependía desta parroquial: de feito, os 107 «fogos» (fogares) do Lugar conseguen do arcebispo Rajoy o dereito a misa rezada na capela (1758), para aforrar a anciáns, doentes e nenos o terzo de legua de camiñada dominical. Torcemos, pois, por esta corredoira da dereita —chamada do Rego Furado— deixando contra a esquerda os montes Cova de Lobo (Tella) e Cova do Lobo do Gancho (Anllóns).
Na primeira curva cara á esquerda tornaremos a vista cara un camiño pechado polos fieitos: lévanos ata o Cruceiro de San Pedro ou de Paulos (por ser o veciño de Anllóns Grande que fixo a derradeira recomposición do mesmo). Unha sinxela cruz sobre un petón cunha sinistra lenda ao redor dela. Relátanos Xelucho Abella: «Dous homes, algo chispas, ían cara Anllóns polo camiño do Rego Furado e un deles, a xeito de burla, desfixo o cruceiro, ríndose o outro daquela trasnada. Ao pouco, o profanador morreu de golpe. O seu compañeiro burleiro andaba ao outro día por Canasteves, á altura do xuncal do Bico da Vella (actual Galiña Azul e Centro Cultural), cando sentiu uns laios: «Ai, ai, ai!!!». «Quen es?», preguntou atemorizado. «Son eu, o teu amigo defunto. Pídoche que veñas a reparar o cruceiro de San Pedro porque eu arrumbeino pero ti rícheste da miña maldade... Se non, non descansará a miña ánima». Tremendo coma un vimbio, o outro tatexou: «E… e que teño que facer eu?». «Reza nove rosarios en nove noites diferentes alí, no Rego Furado». Fíxoo así. Reparou o cruceiro e rezou as oracións: a alma do seu compadre atopou o descanso eterno… e el puido ir safando o conto!». Por esta lenda, á cruz de san Pedro coñécena tamén como Cruceiro da Maldición.