Roberto Pena: «A Costa da Morte é das zonas máis importantes de pecios en Galicia»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

O xefe de Arqueoloxía da Xunta destaca os numerosos barcos de Padilla afundidos en Fisterra

08 may 2022 . Actualizado a las 11:46 h.

O arqueólogo Roberto Pena Puentes (Lugo, 1956) dirixe o servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Educación e Universidade dende o ano 2014. Antes estivo á fronte do departamento de vixilancia e inspección do patrimonio cultural. Será unha das voces expertas no foro que se celebrará no Concello de Fisterra o vindeiro martes, ás 11.30 horas, organizado por La Voz de Galicia e tres Galp, para debater sobre a protección do tesouro subacuático. En concreto, o proxecto e área de traballo é RIMARTES, acrónimo de «Riquezas do mar, tesouros do profundo», e os promotores son tres Galp: Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte e Costa Sostible.

—En que liñas se traballa dende a Xunta para a protección do patrimonio submarino?

—Sobre todo, en coñecer o que hai, pois non se pode protexer aquilo que non se coñece. Neste sentido, o patrimonio subacuático é o máis complexo. Nos últimos anos, en colaboración coa Armada, levamos a cabo campañas de prospección, isto é, actuacións nas que imos aos sitios para buscar pecios, porque hai que ter en conta que en Galicia, nestes momentos, hai case 1.000 pecios coñecidos. Que sexan anteriores ao ano 1901, que é cando a lei os considera históricos, hai 193, aínda que destes, que estean ben localizados, hai 30.

—Na Costa da Morte, xa só polo seu nome, ten que haber moitos.

—Puf... É unha das zonas máis importantes que hai en Galicia, pero con moitísima diferenza. Como din algúns historiadores, só da flota de Padilla afundíronse máis barcos en Fisterra que de toda a Armada Invencible. Cando estas embarcacións foron axudar aos insurxentes irlandeses na época de Felipe II, afundíronse sobre 30 barcos aí e morreron 2.000 mariñeiros. Un deles, Punta Rastelos, é dos máis coñecidos. Pero tamén hai outros como o paquebote inglés Great Liverpool, que foi a pique a mediados do século XIX na zona de Corcubión; a fragata francesa La Bayonnaise, moi famosa, que estivo loitando contra os ingleses e acabou na praia de Sardiñeiro… Fisterra está pragada de pecios históricos. O problema é atopar onde están. Non é nada doado, pois para iso necesítanse estudos dos arquivos históricos, dos mariñeiros da zona que son os que mellor coñecen o mar...

—Como se desenvolven as campañas que realizan?

—A colaboración coa Armada é fundamental. Estamos moi coordinados. Vaise a unha zona concreta na que hai indicios de que podemos atopar algo. Os buzos percórrena, buscan eses afundimentos e, despois, a base de documentación, tratamos de pescudar de que barcos poden tratarse. A última que fixemos foi nas zonas nas que se atopan La Bayonnaise, Punta Rastelos e o Great Liverpool a finais do ano pasado.

—Cales foron os resultados?

—En La Bayonnaise o que estivemos facendo foi unha análise da situación, porque o mar fai que se mova moito a area, ata o punto de que por tempadas os cubre e, noutras, déixaos ao descuberto. Neste último caso, hai perigo de que poida haber material susceptible de ser espoliado, por iso temos que facer unha vixilancia continua dos pecios. A maiores, en gran parte dos casos, trátase de buques estado que, pola convención da Unesco do ano 2011, son barcos militares que están protexidos.

—O ideal sería poder recuperar os obxectos de máis valor?

—Segundo a convención, onde mellor están os obxectos mariños dos pecios para a súa preservación é no sitio no que están, no mar, porque cando os sacas, teñen un proceso de conservación e restauración moi complexo. No fondo están en equilibro; fóra, podes deterioralos. Só os retiramos se vemos que se está producindo un deterioro porque está nunha zona de rochas, por exemplo, ou que hai algún elemento que é susceptible de ser espoliado.

—Cal é o proceso a seguir cando estes bens se extraen do mar?

—Restauralos e levalos para o Museo do Mar de Vigo, que é o que reúne as mellores condicións e os especialistas neste ámbito.

PACO RODRÍGUEZ

—Hai pezas como o recentemente recuperado sextante de Baldaio, que son dunha relevancia fundamental. Iso, tamén terá o seu peso.

—Si, pero a principal cuestión que prima é a posibilidade de que sexan espoliadas. É o que pasa cos canóns de bronce grosos, que co prezo que ten ese material hoxe en día... Aínda non hai moito extraéronse uns en Camariñas por ese risco. Agora están no proceso de restauración.

—É moi común a queixa de que estes recursos, unha vez recuperados, son levados a outros lugares, lonxe da súa orixe.

—Aínda estiven vendo estes días o informe de restauración dun sextante antigo: ten que estar cuns niveis máximos de humidade do 40 %, unhas condicións de temperatura determinadas… para que non se acabe deteriorando. É dicir, non é susceptible de estar en calquera lado e de calquera maneira. Nos museos do mar dos pobos, estas características non se cumpren normalmente. De habelas, non habería inconveniente algún en levalos para alí, pero non se poden tratar coma se fosen un adorno. Ademais, estas instalacións teñen que ter un discurso positivo, non poden ser almacéns. Todo ten que ser tamén cun plan a largo prazo, pois ao principio hai moito interese, pero co tempo pérdese.

—Todos os obxectos que retiran acaban expostos?

—A restauración de obxectos subacuáticos pode levar en moitos casos anos, incluso, e son carísimos. Os canóns de Camariñas estívenos vendo en Vigo hai nada e vai vir un experto internacional para participar no proceso en cuestión de días. Están nun tanque especial para telos estabilizados.

—Cal é o pecio máis importante da Costa da Morte?

—Punta Rastelos, en Corcubión, tanto pola súa historia como por todos os obxectos que tiña conservados: ata xiringas de outros anos. Houbo unha escavación de Martín Bueno e os restos depositáronse no Museo do Mar da Coruña.

—Que é o máis importante que hai que facer nestes momentos para protexer o patrimonio do fondo mariño?

—Concienciar á xente, pois é o patrimonio máis difícil de procesar e, en todos os sitios á vez, no mar, non podemos estar. Temos feito moitísimo, pero quédanos outro tanto ou máis. Necesítase que toda a sociedade colabore e que saiba que son bens de dominio público.

—Habería que potenciar o mergullo para a súa posta en valor?

—A convención da Unesco fala da non explotación comercial do patrimonio subacuático con fins de lucro ou especulativos. Pero di que isto non debe interpretarse como a prohibición dos traballos de investigación e do acceso dos turistas ós sitios. De feito, hai uns anos, Turismo estivo cun proxecto deste tipo. Iso si, deberase de acceder ós pecios de forma ordenada. Se non, sempre pode haber algún que vaia ao que vaia. Eu mergulleime e é unha pasada.

—É algo que ultimamente colleu auxe.

—Si. Nós cada vez que facemos unha actuación, se se promulga, ten un eco na sociedade bastante importante. Vese que a arqueoloxía subacuática é algo que lle interesa e lle atrae.