Hai seis anos entrevistáronme na radio. Mentres esperaba pola miña quenda estaban entrevistando a un escritor que admiro moito e que acababa de levar un dos premios máis relevantes de poesía. Dicía que gañar un premio era coma a lotería e eu discrepaba nos meus adentros. Coido que os recoñecementos non son froitos do azar, aleatorios, engloban algo moito máis profundo. Son o resultado do esforzo e da constancia nun eido. Pode haber sorte conxugada, pero sen traxectoria e ganas dificilmente se pode acadar nada.
Cando eu nacín, a miña avoa recoñecéronlle unha artrose moi agresiva. O prognóstico era unha cadeira de rodas e unha vida incapacitante. Despois de tratamentos duros e fortes, máis de vinte anos despois segue erguéndose polas mañás e tendo unha vida minada pola enfermidade, pero satisfactoria, onde pode realizar actividades cotiás con dificultade, pero ben. Procedo dunha familia con grandes antecedentes reumáticos: artrose, artrite ou a tan difícil osteocondrose. Coñezo esa dor allea de non poder nin sequera coller un vaso na man.
O doutor Branco atendeu a miña avoa moitos anos nas revisións na Coruña. Ela nunca se esqueceu do seu sorriso afable, da proximidade e no trato sempre tan delicado que lle dispensou. Cando soubo que entraba na Academia Nacional de Medicina non puido máis que sorrir. A artrose é un mal que vai deformando ata a máis pequena das falanxes dos dedos pero é incapaz de facer esquecer aquelas persoas que loitan cada día para paliar as consecuencias da dexeneración paulatina que causa. Parabéns, doutor Blanco, un recoñecemento máis que merecido ante unha carreira tan prolífica e xenerosa.