![Tarde-Noite no Medievo en Riobó](https://img.lavdg.com/sc/st2kF0zz3AoqcKmX0_99VNnjS_E=/480x/2022/06/25/00121656163502509828957/Foto/CJ26C8F6_152340.jpg)
A programación cultural impulsada para estes meses dende o Concello orbitará ao redor do dolmen Dombate
26 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Xullo xa non queda lonxe e o Concello de Cabana vén de desvelar todos os seus ases para este verán. Dende o consistorio, coa colaboración da Deputación da Coruña, deseñouse un intenso almanaque de propostas culturais que, como se pode ver debullando unha a unha, xirarán novamente, unha maioría delas, en torno ao Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. A catedral do megalitismo de Galicia é un dos xacementos a ver e coñecer cando un visita a Costa da Morte, pero é tamén un dos puntos a vivir e gozar, pois a través das visitas guiadas de día e de noite, dos achegamentos teatralizados que alí se levarán a cabo, dos concertos ou das clases maxistrais previstas, converterase en todo un punto de encontro, un epicentro cultural dende o que comezar unha viaxe polo municipio de Cabana, concello que o ten todo para pasar alí este verán.
Romarías, a Tarde-Noite no Medievo coas súas prevodas e o seu pregón, o Castro Animado que permitirá ver de novo A Cidá chea de vida, cine e maxia para os máis pequenos ou a tan agardada Ruta das Estrelas con Jorge Mira completan este menú de entretemento e aprendizaxe sostido nunha programación «marcada pola súa ampla oferta de propostas para todos os públicos», como apuntaron dende o Concello. Dende o 2 de xullo en adiante, un feixe de citas irán complementando ese ir e vir de visitantes arredor dese dolmen que tanto conta de historia, de pasado e de artes.
![Dolmen de Dombate, en Cabana](https://img.lavdg.com/sc/ArXqKRqRnHoDkvcX0ytuDbIGKH8=/480x/2022/06/25/00121656163562700344936/Foto/CJ26C8F7_152446.jpg)
Visitas guiadas: Polo día e tamén nocturnas
O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate poderá coñecerse mediante visitas guiadas todos os días en tempada alta. Isto é, dende o vindeiro 1 de xullo ata o 15 de setembro. Haberá percorridos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Pode obterse máis información de cara ás reservas na páxina web municipal. Son propostas de balde, sen custe. Igual que nos anteriores veráns tamén haberá visitas guiadas nocturnas, neste caso de xeito máis puntual, unha experiencia totalmente diferente á diúrna: 8 e 22 de xullo e 5 e 19 de agosto, de 23.00 a 00.00. Inscrición: 981 754 020.
Visitas teatralizadas
A programación deste verán no Centro Arqueolóxico de Dombate botará a andar o 2 de xullo, precisamente, cunha visita teatralizada. Volve a función No tempo das pedras, a cargo da compañía Os Quinquilláns: eles son Lucho Penabade e Tero Rodríguez, xa case habitantes do dolmen. Ao longo do estío haberá oito visitas teatralizadas en total, de balde, e con dous pases cada unha: 18.00 e 19.30 horas. Serán os sábados 2, 9, 16, 23 e 30 de xullo, así como os días 13, 20 e 27 de agosto. A historia, contada doutro xeito.
![Os Quinquilláns, nunha das súas representacións en Dombate](https://img.lavdg.com/sc/TxicTKYMvQq02VWPTnt-8KR39pI=/480x/2022/06/25/00121656163202433831420/Foto/CJ26C8F2_15194.jpg)
Concertos con encanto
Haberá este verán en Dombate varias sesións dos que chamaron Concertos con encanto, todos eles ás 22.30, con reserva previa no 981 754 020. O primeiro será o venres 15 de xullo, a cargo de Iria Estévez: Con Clave de Fa-do. O segundo, 12 de agosto, correrá a cargo de Atrio, trío de música folk en acústico: eles son Claudia Abril, Hugo Franco e Alfonso Branco. Finalmente, o 26 de agosto, actuará o grupo de música antiga 1500, coa colaboración de Lorina Vallester. Forma parte do programa Contar Cantando: cancións e romances da Idade Media e Renacemento.
Ruta das Estrelas
Se o tempo o permite, a edición 2022 desta xa clásica saída será o martes 16 de agosto. Dende o Concello definen esta Ruta das Estrelas como o prato forte da programación en torno ao Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Incluirá unha ruta polos montes de Borneiro, das 22.00 horas en adiante, encabeza e guiada polo físico baiés Jorge Mira. Os participantes, que se adoitan contar por centos, poderán coñecer de primeira man nocións sobre astronomía tomando como referencia a visión dos ceos cabaneses.
![](https://img.lavdg.com/sc/BwNr6ZDb08pVVzx9X2W25z1gFk0=/480x/2022/06/25/00121656163262044340572/Foto/CJ26C8F3_151959.jpg)
Cine, maxia e máis
Dende o 4 de xullo ata o 26 de agosto desenvolverase na Casa da Cultura una nova edición do programa de conciliación Meniñeiro. Os máis pequenos aprenderán e gozarán a partes iguais. Haberá este verán en Cabana, doutro lado, dúas sesións de cine ao aire libre: Trouble, na Praza de Neaño, o 3 de xullo ás 22.15; e Mi amigo pony, o 20 de agosto, na pista polideportiva de Anos, á mesma hora. A estas opcións haberá que sumarlle un espectáculo do mago Teto: Alquimia II, o 27 de agosto, ás 20.00, na Praza do Lodeiro, en Canduas.
![O mago Teto](https://img.lavdg.com/sc/GHa4tQX0ok-PuHEL8qQmT3x2G7U=/480x/2022/06/25/00121656163322720548585/Foto/CJ26C8F5_152041.jpg)
Clase maxistral
O domingo 7 de agosto poderá aprenderse en Dombate sobre o mundo dos instrumentos tradicionais de arco. Este será o eixo da clase maxistral prevista para las 12.00 horas e na que se abordarán os artefactos máis diversos deste ramo.
O Castro Animado de Borneiro
Unha cita xa agardada en Cabana, unha xornada de confraternidade e diálogo coa historio e o patrimonio. O Castro Animado, na Cidá de Borneiro, permitirá xuntarse e interactuar entre habitantes dos castros. Animación musical a cargo de O Son do Castro; espectáculo de circo Forzu2, con Circo Chosco; recreación castrexa; visitas animadas guiadas polo castrexo Borneiro; e concerto de Carapaus das 21.00 horas en adiante. Todo isto, o sábado 9 de xullo, con inicio ás seis da tarde.
![San Fins do Castro en Cabana](https://img.lavdg.com/sc/5n2DAM5gUyWuIEA37NeqvHq2WT8=/480x/2022/06/25/00121656163442827408618/Foto/CJ26C8F4_152236.jpg)
Romarías
Neste verán, a primera delas no municipio de Cabana será o 18 de xullo, O Carme do Briño, en Borneiro. Amenizará a banda de música Eduardo Pondal. Neste mesmo mes, o 23, festexarán Santa Mariña do Remuíño, en Corcoesto, coa banda de gaitas O Son do Castro. Finalmente, San Fins do Castro, co recoñecemento de cita de Interese Turístico de Galicia, chegará coma sempre o día 1 de agosto, co acompañamento da Banda de Música Eduardo Pondal, a agrupación O Son do Castro, Os Farrapos e a coral de Cesullas.
Tarde-Noite no Medievo
Trece anos ten xa esta proposta que volve os ollos sobre a historia e sobre o pasado de Riobó. A Tarde-Noite no Medievo celebrarase o 6 de agosto, das 18.00 en diante, e nela non faltarán as xa tradicionais prevodas medievais. Tampouco o pregón, que este ano correrá a cargo da vimiancesa Irma Macías, voz de Luar na Lubre. Pitanza do Santo e animación coa Banda de Gaitas Inllar, A Banda da Balbina, Arredores, Os Quinquilláns e a súa escenificación Terra das raíñas, O Son do Castro e Os Farrapos completarán o menú desta velada.