Jorge Mira: «A calidade do ceo nocturno é unha parte moi importante do patrimonio da Costa da Morte»
CARBALLO
O físico zasense coordina unha nova xornada científica que arranca hoxe en Cabana
14 jul 2022 . Actualizado a las 12:36 h.O físico Jorge Mira de Baio (Zas), coordina as Aulas Científicas A Luz da Ciencia en Dombate, que comezan hoxe e ás que pode asistir calquera persoa que o desexe, de forma totalmente gratuíta e sen inscrición previa. Serán no exterior debido ó bo tempo e para reducir o risco de contaxio de covid.
—Xa van unhas cantas xornadas celebradas en Cabana e agora chega unha nova.
—Estou moi satisfeito, sobre todo, polo nivel alto de poñentes que conseguimos, porque non é doado. Ademais, estou moi apegado á zona, polo que me resulta máis gratificante aínda. Trátase dunha reciclaxe de conceptos científicos para que repercutan no territorio, na súa xente e nos que nos visitan.
—Por que a protección do ceo nocturno como eixo central desta edición?
—Por unha parte, é unha sinerxía co proceso de petición para que a Costa da Morte se converta en destino Starlight. De outro lado, a orientación astronómica de Dombate e o último solpor de Europa dende Muxía a Fisterra, durante certos meses mostran o potencial da zona. A Costa da Morte ten moitos valores e entre eles está o de que é un sitio puro e coidado.
—Que temas máis concretos se abordarán nas sesións de hoxe e mañá?
—A luz, aínda que pareza raro, contamina. Un farol ten que alumar cara o chan, non cara o ceo. Ademais, non todas as cores son óptimas. Destas cousas falará a directora xerente da Fundación Starlight, Antonia María Varela, con certificacións por todo o mundo. Tamén Susana Malón, física especializada en iluminación artificial. É a principal experta española neste campo. Tratará como iluminar as vías, os espazos e os edificios. Ten feito moitas adaptacións en destinos Starlight. A maiores, na primeira das mesas redondas, abordaranse as vantaxes de obter o selo. Para iso xuntaranse por vez primeira representantes dos tres destinos en Galicia. A Costa da Morte pode ser o primeiro destino da Coruña. Por outra parte, a segunda mesa xirará arredor da contaminación luminosa: que problemas hai, moitas cousas que corrixir.
—Na Costa da Morte habería moitos aspectos que mudar?
—Algúns que vixiar, pero o certo é que nos gobernos non hai información dabondo para facelo. Hai vontade, iso si.
—É unha zona rural, algo que a beneficia.
—Máis da metade da poboación mundial non pode ver as estrelas, cando hai décadas si que era posible. A xente das cidades ten que ir a sitios específicos. Temos que ver, por tanto, que a calidade do ceo nocturno é unha parte moi importante do patrimonio da Costa da Morte. No momento que se consiga o selo, vaise poñer máis en auxe.
—Cales son os lugares destacados con capacidade de observación?
—Punta Nariga en Malpica, Fisterra, Touriñán en Muxía, o dolmen Arca da Piosa en Zas, Mazaricos...
EN CLAVE
Hoxe, dende as 19.00 horas, no Dolmen de Dombate en Cabana.
Segue mañá, no mesmo horario e sitio.