Xosé María Varela: «A cultura salvará ás nosas aldeas»

josé maría varela

CARBALLO

Ana Garcia

Plumas con mando | Fala o xerente da Fundación Pondal e presidente de Monte Branco: «Si se pode visualizar o rural a través de numerosas iniciativas»

11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Aldea do Couto emprendeu un longo proceso de intervencións culturais. E xa van 40 anos. A cultura fai aldea e a cultura salvará á aldea. E como o fixemos? Construímos unha casa e dotámola de contido. Sorprendemos polos Reis con tres carros engalanados e tirados por vacas que chegaban ata a parroquia da Graña acompañados pola música dos gaiteiros. Na igrexa, sempre en galego, representabamos o Belén co adobo das panxoliñas. Nesa noite, os Magos visitaban as casas dos nenos para deixarlles o regalo que quedara nunha casa.

Continuamos e melloramos a fermosa tradición de visitar e deixar o noso agasallo de Aninovo en todas as casas da parroquia e para os máis novos, libros e lambetadas. Recollemos os sabios consellos dos maiores para enterrar o entroido acompañado da música e das coplas dos vellos regueifeiros, comparsas, desfiles e gastronomía que derivaron no Concurso anual de Coplas.

Arroupamos aos nosos nenos e nenas do Couto coas primeiras escolas de verán, coas saídas de Semana Santa para ver mundo ou coas innumerables achegas a centros educativos. A día de hoxe, camiñamos coa Escola de Verán con máis de douscentos nenos e nenas que se achegan desde moitos lugares de Galicia onde descobren a esencia da aldea coas visitas ás vacas, porcos, galiñas, coellos… Debullan o millo e amasan a boroa que logo han de probar. Percorren os rueiros da aldea e traen a ledicia dos nosos maiores no mes de agosto.

Introducimos nas festas novidades participativas: as sonadas carreiras de campo a través, o teatro, os xogos, o fútbol feminino, os monicreques… ademais de programar as máis importantes orquestras.

Agora seguimos cos gaiteiros para o himno na parroquia e, no Quinteiro, un humilde dúo ameniza a sesión vermú. Grazas ás pequenas achegas do vecindario facemos unha festa sostible. Asemade, promovemos charlas de agricultura, saúde ou marisqueo para o coñecemento e a mellora da economía local. Hoxe en día continuamos con elas a través da Universidade Rural Aldea do Couto e A Casa da Muller. Seguimos co legado dos vellos músicos de bandas e orquestras con varias camadas de gaiteiros e bailaríns. Inllar, Xa Era Hora e A Oliveira seguen facendo tradición.

Creamos humildemente a nosa celebración das Letras Galegas. Aínda non era festivo e trasladámolas ao domingo seguinte, primeiro no Quinteiro con libros e barro de Buño e pequenas actuacións teatrais e musicais. Viñeron os regueifeiros e a banda de música e, cada pouco, medraba a artesanía. Pasou a ser máis importante que o día do patrón.

Estreamos para a celebración o patio e a Casa dos Veciños, que recibe ese nome porque foi feita grazas ás mans de todos. Pouco a pouco, máis artesanía, máis música e máis días de celebración.

No 2000 trasladamos a celebración para diante da vella reitoral e sede da Fundación Eduardo Pondal. Alí nace Festiletras, un escaparate diferente para as letras, as artes e as ciencias e unha mellor promoción. Nestes últimos anos descubrimos cabanotes, eiras, prazas ou cabazos como múltiples escenarios para acoller a artesanía, as ciencias, a música, a literatura ou as contadas. Recuperamos con murais espazos degradados e todo co apoio do noso vecindario e a implicación dun gran número de voluntarios e voluntarias.

Visibilizar unha aldea vai supoñer unha oportunidade para o futuro do rural, mais facelo a través da cultura é un fermoso reto.