O arteixán Xabier Maceiras recolle nunha publicación das «Crónicas da Laracha» a historia de Gumersinda Labarta Pose, unha das irmás do escritor baiés
27 ene 2023 . Actualizado a las 13:17 h.A la memoria de mi hermana Gumersinda é o título do soneto que o escritor baiés Enrique Labarta Pose lle dedicou a unha das súas irmás no momento da súa morte, un soneto que máis tarde sería recollido tanto en Última novedad como en Bálsamo de Fierabrás e que sería descrito polo carballés Alfredo Brañas como «magnífico»: «Lo podría firmar Argensola si viviera en este siglo [...]. No tiene rival en el parnaso gallego», dicía Brañas.
Gumersinda Labarta Pose, que aínda que naceu en Baio acabou por afincarse en Bergantiños, é a protagonista da última publicación que o escritor e xornalista arteixán Xabier Maceiras vén de facer no marco das súas Crónicas da Laracha. O proxecto, que naceu a finais do 2021 como continuación ás súas exitosas Crónicas de Arteixo (plasmadas xa en tres volumes físicos), acumula xa máis de sesenta publicacións na páxina web cronicas-da-laracha.blogspot.com. As temáticas son diversas: arquitectura relixiosa, arqueoloxía, curiosidades de hemeroteca, lendas, deportes, música, oficios tradicionais, feiras ou veciños e persoeiros, como é o caso de Gumersinda e a familia larachesa de Labarta Pose.
Segundo recolle Maceiras no seu relato, Gumersinda naceu en Baio e foi a segunda de catro irmáns: tres mulleres e un só varón, Enrique. Diferentes investigacións apuntan a que quedaron orfos prematuramente e que a muller casou co larachés Marcelino Eulogio Astray López, farmacéutico que en 1875 abriu a súa propia botica en Carballo. Tiveron dous fillos, José Ramón e Ramón Jesús, e Gumersinda faleceu en 1877. Foi entón cando Labarta, que por aquel entón tiña apenas 14 anos, lle dedicou o citado soneto. «Un texto biográfico que xa deixaba entrever o gran poeta no que se había de converter», apunta Maceiras, que ao longo da publicación resume, así mesmo, a traxectoria do autor baiés, para quen diferentes eruditos piden a dedicación do Día das Letras Galegas dende hai anos.
Os sobriños de Labarta
José Ramón, o maior dos fillos de Gumersinda, estableceuse na Laracha e abriu unha farmacia en 1906, ademais de ocupar en diferentes épocas o cargo de xuíz municipal. Tempo despois vendeulle a botica á súa parente Valentina Astray, primeira muller en ter un establecemento deste tipo no municipio larachés e nai de Olga Belo, que na actualidade rexenta tamén un negocio farmacéutico. José Ramón faleceu en 1950 e tivo un só fillo, José Astray-Labarta Hermida, que dende 1937 e ata mediados da década dos 40 foi alcalde na Laracha.
Por outra banda, e segundo explica Maceiras, o outro fillo de Gumersinda, Ramón Jesús, foi unha persoa «moi querida e respectada en Carballo». Avogado e secretario da Administración, foi o segundo presidente do Bergantiños e faleceu aos 93 anos na mesma casa de Baio na que nacera o seu ilustre parente.