Antonio Vázquez-Queipo Coste, testamenteiro de Fernando Blanco de Lema

Darío Areas Domínguez

CARBALLO

.

Crónicas do pasado | Tomou decisións importantes para a vila de Cee

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«[...] Es mi última voluntad instituir fideicomisarios a Don Juan A. Baldonedo y Don Brígido Zavala para que funden en mi pueblo natal un colegio de primera y segunda enseñanza que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal [...]».

Así reza parte da cláusula décimo quinta do testamento de Fernando Blanco de Lema, na que ademais o mecenas faculta aos testamenteiros mencionados para que nomeen ás persoas que os substitúan no cargo en caso de que eles non puideran concluír definitivamente a obra encomendada. Foron un total de trece persoas as que rexeron o funcionamento da Fundación ata o ano 1960 en que se crea o Padroado, e deses trece, sen dúbida foi Antonio Vázquez-Queipo Coste quen mais mirou pola entidade e, por extensión, pola vila de Cee.

Antonio Vázquez-Queipo Coste (A Habana, 1840 - Madrid, 1900) era fillo de Vicente Vázquez-Queipo de Llano, un dos mais destacados científicos do século XIX español, ademais de destacado político e parlamentario do partido moderado nos anos centrais do século. Antonio cursou a carreira de Dereito ata o doutoramento en Madrid, regresando a Cuba onde desempeñaría varios cargos, entre eles o de Tenente Fiscal da Audiencia da Habana, Síndico Primeiro do Concello da Habana e Conselleiro do Banco de España da capital cubana. Foi senador pola provincias de Porto Rico e Porto Príncipe, e senador vitalicio dende o 1889, sendo condecorado coa Gran Cruz de Isabel A Católica.

Unha vez foi nomeado testamenteiro as súas visitas a Cee foron constantes co obxecto de supervisar a construción do Instituto e, posteriormente, o seu funcionamento. Numerosas foron tamén as iniciativas que propulsou en beneficio da institución e da vila.

Estando en Cee no ano 1888, e «sabedor de las desgracias que causaba la epidemia de viruela reinante, llevando el llanto y la aflicción a vuestras casas, y conociendo que una de las causas que más contribuían a la propagación de tan terrible azote era el descuido en que estabais de la vacuna, inmediatamente ordenó que se trajeran tubos de dicho virus y que el Sr. Médico del Colegio procediera a vacunar, no solo a los niños y niñas de las escuelas, sino a cuantas personas que de cualquier clase y condición quisiesen recibirla».

Febres tifoides

Seis anos mais tarde, no 1894, foron as febres tifoides as que provocaron de novo o pánico entre a veciñanza, e desta volta puxo a disposición dos médicos locais os medios necesarios para sufocala epidemia, ordenando a varios profesores que percorreran as rúas buscando, illando e eliminando focos de infección.

Durante o curso 1889-1890 toma outra decisión de calado para a veciñanza. Dada a ausencia de farmacia na localidade decidiu que a botica do Instituto, ata ese momento reservada para os empregados da Fundación e os seus familiares, fose de acceso libre, «y que se cobrase al pudiente el valor de las recetas; y al que acreditase ser pobre, se le diesen gratuitas».

Novo cemiterio

Outra iniciativa fundamental, por el tomada, estivo relacionada co novo camposanto. Coñecedor como era de que por falta de recursos non avanzaba o expediente para construílo, mercou o terreo necesario e prometeu a alcalde e párroco de Cee unha subvención de 4.000 pesetas para dita execución, «y al día siguiente, previa la bendición sagrada, ya fue el punto de sepelio de cadáveres, evitando de este modo los perjuicios que siempre trae consigo a la salud pública, y especialmente en tiempos de epidemia, el enterrar los cadáveres en cementerios dentro de las poblaciones, como sucedía en el de esta villa».

Obras públicas

E finalmente foi el quen decidiu que os ingresos da estación telefónica, instalada no Instituto no 1887, se destinasen a diversas obras públicas. Así, a Fundación ofrecía, na súa vontade de servir á comunidade, dous servizos nun: poñía a disposición da xente unha liña telefónica, a única de Cee, e sufragaba parte das obras públicas da vila.

Antonio Vázquez-Queipo Coste finou en Madrid o 13 de marzo de 1900 e, como mostra de cariño e afecto, o persoal empregado na Fundación encargou a Enrique Mayer Castro, afamado gravador compostelán, unha placa conmemorativa en bronce na súa honra. E como non podía ser doutro xeito, ao pouco do seu pasamento, e como mostra de gratitude polas múltiples iniciativas a prol da vila de Cee, o Concello dedicoulle a rúa que da acceso ao Instituto.