Polémica

Natalia Lema Romero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

26 mar 2023 . Actualizado a las 23:45 h.

Eu hoxe vou falar da polémica do Día do Pai. Sen paliativos e en primeira persoa. Eu penso que non habería que mudar a connotación desta celebración. Remóntase a Manuela Vicente, mestra de profesión, que a mediados do século pasado decidiu honrar a figura do pai no día de San Xosé, aquel que foi pai sen selo realmente. Moitos anos da miña vida entreguei o agasallo a miña nai e explícome. A figura paterna é precisa, pero moitas veces non é exercida por un home. Os nenos son tremendamente intelixentes, é máis, desconfío que os adultos teñamos tal nivel de cognición co pasar dos anos. Somos capaces de coñecer aqueles que nos crían, máis aló de etiquetas sociais e estigmas.

Con todo isto, algo de educación nos docentes non estaría mal. Preguntas incómodas descoñecemento das situacións familiares e un largo etcétera. Mais penso que son tempos pasados que eu vivín, de principios dos anos 2000, onde a familia se representaba entre flores e con papá e mamá como marco conceptual. As familias de hoxe en día son diversas. Hai moitísimas parellas divorciadas ou separadas. Hai familias monoparentais, mixtas, con fillos adoptados e mil casuísticas máis. Os agasallos que se preparan nos colexios non son para os pais en masculino, senón para as figuras que exercen como tal durante todo o ano. O demais, señores, é política. Unha que deixa moito que desexar. Que moitos fillos e fillas criámonos con familias diferentes celebrando o Día do Pai e non tivemos maior problema.

Crear polémica para facer política é querer sementar algo estéril de primeiras. A loita pola igualdade non radica en protexer os nosos fillos con papel de burbulla. Vai de encarar a vida con valores reais.