
Hoxe, venres, será o día da Zona Pro, que este ano conta con tres paneis con produtoras, talents, xornalistas e directivos de medios
31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Moito talento galego na segunda xornada do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que arrincou co repaso que a xornalista María Yáñez fixo á historia do internet galego. Seguidamente tivo lugar a segunda edición de Petiscos no Derby, a versión en directo do podcast Café Derby, que tivo como convidados a tres creadores de contido que suman máis de 350.000 seguidores en TikTok: Sara Seco, Totakeki e Meryfos. Na charla, á que tamén se sumaron os creadores do proxecto Todo Mal, Carla Núñez e Marcos López, abordáronse aspectos como o uso do galego nas redes sociais ou a realidade dos creadores de contido.
Xa pola tarde comezou a quenda das webseries que participan na sección oficial, neste caso no bloque «Movidas humanas»: proxectáronse Chateau Laurier, Historias arredor da vida, Motherhoodland, Off the record e Pringadas. Tamén se seleccionaron as catro iniciativas que o sábado competirán por facerse co premio de mellor proxecto de webserie en galego: Camping Gas: Os notas, Delirio sketch, A chica que abortou e o contou e Comezar de cero son as series seleccionadas.
Hoxe será o día da Zona Pro, que este ano conta con tres paneis con produtoras, talents, xornalistas e directivos de medios.