«Este é un xeito de facer país»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

María Canosa, Manuel Facal, Pilar García Rego e Manuel Rivas son, xa, Bos e Xenerosos do Couto. Así foi o acto de entrega de galardóns

17 may 2023 . Actualizado a las 17:40 h.

«En Ponteceso, a xente é feliz». Lois García, presidente da Fundación Eduardo Pondal, deu así a benvida ao acto dos Premios Bos e Xenerosos, falando da obriga dos gobernantes de procurar a felicidade dos demais: «A Fundación Pondal é algo que quererían ter todos os concellos», dixo antes de incidir na importancia do bardo, e na súa segura felicidade se vise que a casa que leva o seu nome ten as portas abertas «a todos». «Estou na casa», confirmou a primeira das galardoadas, a escritora María Canosa, referíndose ao Couto, espazo de afectos, «lugar seguro como o son os libros», «aldea da resistencia, lugar de clandestinidade» onde atopou «compañeiros de loita». «Sexa o que fose que me trouxo ata este premio, estou segura de que tamén o aprendín aquí», dixo referíndose a un galardón que lle dedicou á familia e co que puxo en valor o traballo silencioso dos «segundos violíns» da cultura: «Se de verdade queremos ser fonte de vida para a nosa terra, non hai mellor receita que a de Pondal: Falade, meniñas, falade galego, falade no idioma da fraternidade que falades aquí».

BASILIO BELLO

Puido o gravador carballés Manuel Facal, ao fin, coñecer a aldea e a festa das letras da quen tan ben lle falaran. Aínda que «próximo», porque en Málaga reside nunha aldea, afirmou sentirse «descentrado»: «Nunca tiven un acto así», afirmou emocionado antes de falar do fondo peso e estreito vínculo da súa obra coa poética galega do pasado e do presente. Cos trámites avanzados para erguerse unha fundación co seu nome, desexou para esta nun futuro unha estreita colaboración coa entidade pondaliana, «nunha relación tan positiva como o foi este día de hoxe».

BASILIO BELLO

«Isto é un xeito de facer país», escoitouse durante un acto que para Pilar García Rego, terceira das galardoadas, veu a pechar un círculo. Blanca Represas, saxofonista, seleccionou e adaptou para cada Bo e Xeneroso unha peza: Vals das flores para María Canosa, Camariñas para Facal, Francisco Alegre para Manuel Rivas e Alalá das Mariñas para García Rego. Unha canción que, recoñeceu, no seu día se lle meteu debaixo da pel. Condutora do inesquecible programa Alalá, «un fito que conseguiu que xente que non soportaba unha gaita se pegase á televisión cada semana», foi esta a única vez que viu como un espazo cultural ocupou tempo de prime time. O xornalismo cultural, o que segue a facer cada día en Zig Zag, tamén é «segundo violín». Na terra dunha «tradición oral inmensa» lembrouse de Aurora, de Dolores, José, das mulleres da Limiñoa, de Teresa dos Cucos, de Raigañas, de Quique Peón ou de Pazos de Merexo. García Ponte, emocionada, quixo rematar o seu discurso pedindo que se defendese «a galega»: «A TVG é de todos, é vosa, merecémola igualitaria, veraz, con contidos de calidade». Ao seu pai, que a aguilloaba dicíndolle «mira que eres mala, eh», Pilar quixo dicirlle: «Papá, déronme o título de boa».

BASILIO BELLO

Un recoñecemento que o escritor Manuel Rivas entendeu con sentido «cívico, colectivo, solidario, con compromiso de futuro para facermos o ben e facelo ben»: «Somos felices cando os demais son felices». Nutrido pola conversa previa co mariñeiro Castelao, falou de almeiros contrapostos ás «marcas do medo». Gabando a quen sabe «escribir no aire» nun «lugar de memoria fértil», recitou como remate o poema A hora de durmir fóra.

BASILIO BELLO

Inllar, Oliveira, Berto ou as pinturas dos bergantiñáns Maribel Castiñeira, Isabel Soutullo e Josecho González, así como a eterna Balbina Tamara Lema, completaron este Dezasete, estas Letras Galegas que botaran a andar coa descuberta do mural de Mutante Creativo, lembranza perenne do afecto que Neira Vilas, Anisia Miranda e Díaz Pardo tiveron por esta aldea cuxa entrada preside agora Balbino: «Aquí nunca deixarán de sorprenderme», afirmou agradecido Fernando Redondo, presidente da Fundación de Gres. Soou por parte de A Quenlla Ai amor.