



















Os actos de O Dezasete comezaron en Ponteceso coa inauguración do mural feito por Mutante Creativo
17 may 2023 . Actualizado a las 23:01 h.17 de maio, Día das Letras Galegas, e no Couto, en Ponteceso, botou a andar a programación de O Dezasete. Fíxoo ao pé da entrada desta aldea donde, xa para sempre, trasladada a arte e cor, quedará a pegada de amor que Neira Vilas, Anisia Miranda e Isaac Díaz Pardo deixaron nesta terra. Un mural de Mutante Creativo, retratando ao icónico Balbino, quedou inaugurado esta mañá coa intervención da docente e «Balbina» Tamara Lema, quen estendeu o título de nenos e nenas de aldea a todos os presentes, desprazados dende a sede da Fundación Pondal seguindo o camiño musical aberto pola banda de gaitas Inllar.
Lema, quen trasladou toda a alma das primeiras páxinas de Memorias dun neno labrego á súa intervención, deulle paso a Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas. «Non deixo de sorprenderme da fonda pegada que Pepe Neira e Anisia deixaron nesta terra. Vin moitas veces, e non deixo de sorprenderme», afirmou aludindo ao impacto que lle produciu o traballo de Mutante. A creación reproduce a portada de Memorias dun neno labrego, autoría de Díaz Pardo, en Edicións do Castro. Redondo repasou traxectorias e caracteres destes tres grandes amigos que foron Neira, Miranda e Díaz Pardo. Neira, o autor de Memorias dun neno labrego, pero tamén o de máis de 70 títulos, capaz de escribir en galego sobre os indios da Patagonia. Anisia, escritora, non «tamén escritora», a rapaza que con cinco anos lle esixiu aos seus pais ser educada en lectura e escrita, a muller que quixo aprender o galego, a lingua primeira dos seus proxenitores emigrados en Cuba. Isaac Díaz Pardo, o grande divulgador do traballo de Neira na emigración, xunto con Alonso Montero. Ficarían felices vendo dende a aldea de Gres, en Vila de Cruces, o vivido este mércores no Couto. Gres, tamén espazo literario, tamén este 17 de maio de festa.
Rematou o acto inicial de O Dezasete con Ai amor, a peza que sempre pedía Neira nunha festa. Un instante para o recordo da man de dúas integrantes de A Quenlla, «un trozo de cacho de pedazo da Quenlla», como diría Mero Iglesias, de quen disculparon a súa ausencia por motivos de saúde do seu entorno.