Bos, xenerosos... e mesmo «rebeldes»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

GENTES DEL FINIS TERRAE | Así valoran os catro galardoados o premio que lle concederá hoxe a Fundación Pondal en Ponteceso: eles son Manuel Rivas, María Canosa, Manuel Facal e Pilar García Rego 

17 may 2023 . Actualizado a las 16:38 h.

«Vou ir cun libro na man». Non é ameaza, senón declaración de intencións, esta que facía onte o escritor Manuel Rivas emprendendo o camiño cara Galicia. Falaba referíndose ao Couto, en Ponteceso, onde a Fundación Pondal entregará hoxe, dentro da programación de O Dezasete, os seus xa consolidados Premios Bos e Xenerosos. Rivas é un dos galardoados este ano, nun día das Letras Galegas que para el se debería «popularizar» como «manifestación»: «Vou ir cun libro na man, para erguelo a xeito de protesta», incide. Tomou o premio por sorpresa, e chégalle dun lugar «no que sempre estiven ben, no que me presta estar», mais enténdeo como algo a compartir: «Tócame neste caso, xunto a outras persoas, poñerlle rostro ao recoñecemento, que ten ese carácter simbólico que invoca o himno. Bos e xenerosos sería unha meta, un obxectivo no persoal, pero eu considérome unha parte máis dun acto de colaboración nun lugar e nunha entidade que teñen para min o carácter de almeiro, de factoría de creación e imaxinación, levedo e produción continua, excitación creativa que en Galicia tanto precisamos, espazo emancipado da cultura. Excitación destrutiva xa temos moita». Chegará ao Couto asumindo o papel de «brindeiro», un mester tradicional que para el cómpre recuperar, ese brinde polos días que están por vir: «Gustaríame que ao de bos e xenerosos engadisen o título de rebeldes, porque boa falta nos fai», sorrí.

Enxeñeira de Camiños e construtora de letras é outra das galardoadas, a ceense María Canosa, quen xa sobrepasou o medio cento de obras individuais. Aprecia moi difícil medir en importancia os premios, e iso que ten algún da talla do Merlín, mais pregúntase se haberá algo mellor que que a unha a denominen boa e xenerosa. Entende o galardón como un recoñecemento ao traballo feito, «ese que a veces parece que non se ve, pero que si hai quen ve», mais con semellante título tamén asume de cara o porvir «responsabilidade». María Canosa é filla das letras e das Festiletras do Couto: «Sempre se di que un non é profeta na súa terra, mais se é boa terra, si. Eu síntome parte do Couto, aínda que nin nacín nin teño familia aí. Si teño un afecto cultural, unha familia cultural á que vou vendo medrar ano a ano, dende que era nena». Un premio especial, por tanto, polo que significa e tamén por quen o entrega, unha entidade que traballa, pero que dedica máis esforzo a visibilizar o labor alleo que o propio.

Busto que reciben os galardoados co Premio Bo e Xeneroso
Busto que reciben os galardoados co Premio Bo e Xeneroso BASILIO BELLO

O Couto, pola contra, será unha descuberta para o gravador Manuel Facal, o artista máis internacional de Carballo. Viaxará dende Málaga, onde reside, expresamente para recoller este premio que tamén el mereceu este ano: «Sorpresa toda, porque non contaba con el nin tiña idea desa posibilidade, pero benvido é». Chegáronlle referencias dun acto «simpático, aberto e libre» e con esa expectativa chega, ademais de coa idea de poder trabar relacións coa Fundación Pondal dende a Fundación que se tramita co seu propio nome, Manuel Facal. Como María, asume o de bo e xeneroso con «compromiso».

«Ledicia» é o que di sentir a xornalista, presentadora e escritora Pilar García Rego, a cuarta das galardoadas este ano. Ledicia «no persoal e no profesional, porque aqueles que nos dedicamos ao xornalismo cultural non sempre estamos no prime time das televisións nin dos medios de comunicación». É, por tanto, un premio que fai «extensible aos meus compañeiros»: «Que se acorden de nos é un pulo». Admite ter ganas de que chegue o momento, pese a que «non é calquera título ese de boa e xenerosa». García Rego, a través de espazos televisivos como Alalá, deulle voz ás voces do rural, patrimonio: «Fixemos programas con regueifas, coplas e romances de mulleres desa zona [Bergantiños]. Quizais o meu primeiro contacto con ela, sen sabelo, cando era moza e bailadoira, foi bailando a Muiñeira de Cabana. Anos despois entendes todo, que aquela peza partía dun sitio onde se segue conservando moito, unha terra riquísima en música e tradición oral que vai pasando dunhas xeracións a outras». «Ilusión», pois, de poderse achegar.

O Dezasete, hoxe

A entrega dos Premios Bos e Xenerosos, prevista en torno ás 12.45 horas e co acompañamento musical de Blanca Represas, será un dos actos de hoxe no Dezasete do Couto. Botará a andar coa descuberta dun mural de Mutante Creativo, conmemorativo de «Memorias dun neno labrego»: 11.00 horas, coa presenza do presidente da Fundación Neira Vilas e a interpretación de «Ai amor» por parte de Mero Iglesias e A Quenlla. Haberá misa ás 12.00 e posterior ofrenda floral cívica. Sobre as 14.00, sesión vermú con Berto e, das 15.00 en adiante, Xantar das Letras.