Declaración de amor

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

05 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non se escriben profusas declaracións de amor nin se vive a conquista da mesma forma que hai anos. Esta epístola versa dun amor platónico que se esconde en terras de Zas. Escribo eu porque ela non ten a suficiente valentía e apremio para declarar as súas intencións ante o Romeo. Intentarei ser excelsa pero non quero pecar dunha celestina en exceso insistente.

Se ti souberas, mozo de Zas, dese sorriso calado que se lle escapa cada vez que pronuncia o teu nome ou pensa en ti. Pregúntome que sería de tantos matrimonios se un deles non dese un paso adiante. Se ti souberas, mozo, que cada vez que che rechouchían os oídos é porque ela está pronunciando o teu nome en silencio, emulando o teu rostro unha e outra vez na súa cabeza. Os amores reais non son o suficientemente poderosos. En cambio, os platónicos, ao ser unha fantasía, son extremadamente vívidos e notorios, coma un espectáculo de luces danzantes e bolboretas que non cesan nos nosos estómagos.

As historias que se viven neste xornal son o fío condutor doutras moitas. Persoas que buscan a outras, persoas que buscan un traballo ou un largo etcétera. Eu tamén busco un final feliz, dende a parede fráxil e opaca do espectador. Quen sabe se ese garrido mozo lee estas liñas e se conmove sen saber sequera que son dedicadas a el?

Como di a serie dos Bridgeston, este baile de primavera ven izado de múltiples sorpresas, só espero que esta historia de amor non teña un desenlace tan tráxico coma o da novela de Fernando de Rojas. Miña querida amiga, se con esta carta improvisada non cae, non te preocupes. Son das que pensa que é preferible amar e non ser correspondida, ca vivir toda unha vida sen padecer mal de amores.