«A Costa da Morte é das comarcas nas que mellor resiste o galego»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

Comezou no Fórum de Carballo unha nova edición do curso de verán de dinamización lingüística que promove a Universidade da Coruña. Durante a inauguración falouse da posibilidade de que Carballo poida albergar nun futuro un campus da UDC

13 jul 2023 . Actualizado a las 10:53 h.

Arredor de medio cento de persoas vinculadas ao ámbito da normalización da lingua galega participan dende onte nunha nova edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que pon en marcha cada ano a Universidade da Coruña en Carballo, un curso no que colaboran o Concello e a secretaría xeral de Política Lingüística e que ten como lema este ano Traballando en lingua no lecer.

Durante a inauguración, o secretario xeral da UDC, Carlos Aymerich, puxo en valor a colaboración que a institución educativa mantén co Concello de Carballo dende hai máis de quince anos, unha colaboración que poderá frutificar nun futuro en «máis cursos de verán, Universidade Sénior» ou, quen sabe, quizais un terceiro campus na capital bergantiñá, segundo dixo. O alcalde, Evencio Ferrero, recolleu de boa gana esa posibilidade e comentou que, de considerarse seriamente, «poñerémonos xa a buscar terreos» para albergar ese campus.

A coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron tamén na inauguración, destacando este último durante a súa intervención o «potencial dos espazos de lecer» para transmitir unha imaxe positiva da lingua galega.

Diferentes talleres e relatorios foron entón sucedéndose ao longo da xornada, e mesmo tamén unha saída de campo cara Baldaio, á volta da cal os participantes volveron xuntarse no salón do actos do Fórum para coñecer de que xeito a actividade de tres asociacións culturais decanas na provincia inflúe na divulgación e na normalización do galego.

Ana García

O primeiro en intervir foi Farruco Fraga no nome da entidade carballesa Lumieira, fundada no 1976. Logo de facer un repaso pola historia da asociación e polas actividades que levaban a cabo nos primeiros anos, puxo en valor propostas que ao longo dos decenios contribuíron a fortalecer a presenza do galego: unha radio, unha escola de teatro, producións audiovisuais, unha revista que chegou a ter máis dunha decena de números, diversas publicacións ou viaxes culturais.

Ao longo da súa quenda de palabra, Farruco tamén recalcou que «pese ás numerosas agresións que sofre a lingua», probablemente a Costa da Morte sexa das comarcas galegas nas que mellor resiste o idioma. Tamén falou de memoria histórica, concretamente das vítimas de Bértoa e do proceso en marcha para a súa exhumación, así como do labor que levan a cabo as diversas entidades deportivas de Carballo, cun especial recoñecemento a Gema Paz, docente retirada e primeira presidenta do club Xiria, que ademais estaba presente na sala.

Logo tomaron a palabra María Xosé Bravo, da asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña, coetánea de Lumieira. Ao igual que Farruco, repasou a historia da entidade e falou da intensa actividade cultural que desenvolven, poñendo especial énfase en dous proxectos que teñen actualmente en marcha, como son A Coruña das mulleres e A Coruña literaria. María Antonia Pérez, da asociación O Galo, de Compostela, foi a seguinte, comentando que a súa principal aposta ao longo dos anos foi a diversificación. «En canto ao idioma, non valoramos nunca facer calquera clase de actividade que non fose en galego, a pesar de que nalgunha ocasión nos trouxo problemas. Non distinguimos entre cultura e lingua: non hai unha sen a outra, é unha simbiose perfecta», comentou María Antonia, quen tamén incidiu na necesidade de facer auto crítica e analizar que clase de actividades culturais e de lecer chegan máis á cidadanía. Segundo dixo, conferencias ou presentacións literarias ao uso xa non atraen tanta atención e cómpre apostar agora por propostas máis dinámicas e participativas.

Regueifas, actividades relacionadas coas novas tendencias e as tecnoloxías, clubs de lectura, roteiros, xornadas micolóxicas, campamentos ou viaxes son algunhas das propostas que soen gozar de maior popularidade, comentaron dende as tres entidades, e, por conseguinte, que máis contribúen á normalización da lingua galega no lecer.