Secho, novo adestrador do Bergantiños: «Temos que ter a máxima ambición por ser primeiros»
![Antón Lestón Lago](https://img.lavdg.com/sc/DxmEG_IU63AFpjWHWaJ_FcSxrFg=/75x75/perfiles/1651151866027/1720996150434_thumb.jpg)
CARBALLO
![](https://img.lavdg.com/sc/B_JhYwLMHSm2qgFGq5_RLutq8JU=/480x/2023/07/14/00121689329401557575426/Foto/CL15C5F1_12843.jpg)
Na primeira entrevista que concede dende que chegou ás Eiroas, o técnico sonense asume o obxectivo do ascenso co novo proxecto
15 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O novo Bergantiños xa está practicamente listo para comezar a súa pretempada o próximo mércores 26 de xullo. Farao cun novo adestrador aos mandos: José Manuel Martínez Paz, Secho (Porto do Son, 1977). Chega ao banco das Eiroas procedente do Lugo, onde exercía no corpo técnico, ao igual que xa fixera no Deportivo, durante a primeira etapa de Rubén de la Barrera. Si dirixiu ao Noia e a practicamente tódalas categorías de Abegondo. No 2011, en xuvenís, alcanzou a Copa de Campións coa xeración de Insua, Róber Pier ou Luis Fernández.
—Tiña ganas de volver a estar á fronte dun proxecto?
—Si, a verdade e que tiña moitas ganas. Gústame moito adestrar e estar no campo cos xogadores tanto nos adestramentos como nos partidos. É certo que tamén gocei dende a perspectiva de axudante, pero sempre me gustou moito ser primeiro adestrador porque podes levar as túas ideas máis adiante e non dependes tanto doutras persoas.
—Como se deu a fichaxe?
—A ver, o Bergan como o Lugo, non tivo a mellor tempada o ano pasado. Entón comezamos a falar, porque aquí está Darío Cotelo encargándose un pouco da parcela deportiva, que o coñezo ben. Eses contactos comezaron pronto, pero chegou un punto no que xa tiña que decidir e tomei esta decisión de vir para A Coruña, onde vivo, e sumarme a este proxecto tan interesante.
—Pesou a profunda renovación que necesitaba o equipo na toma desa decisión?
—Non, é un aliciente máis, unha oportunidade. Perdes a categoría, pero non hai que pensar máis en iso, senón mirar adiante. Si que se puxo máis difícil logo co ascenso do Vilalbés, porque por proximidade vaiche condicionar á hora de atopar bos xogadores. É un reto ben fermoso este de construír un equipo case de cero, con moitas fichaxes. Teremos que coñecernos ben e pronto para formar un verdadeiro equipo.
—Que papel xogou na configuración do plantel?
—O certo é que hai roles definidos e esa responsabilidade si que lle toca máis a Darío, pero hai conversas en todo momento. Cando elixes ao adestrador xa elixes por onde vas ir, entón si que é un traballo conxunto entre Darío, o club, eu e Subirán —que continuará de segundo adestrador—.
—Que valoración fai do mercado?
—Moi contento con todos os movementos. Ao final moves un número moi amplo de futbolistas e tes que ir xogando cos tempos e tendo paciencia. Pero moitos dos firmados, son xogadores moi contrastados na categoría e reclamados por outros equipos. A xente vai gozar moito con eles e eu tamén véndoos adestrar. Agora o que hai é que establecer esa mentalidade colectiva, que para min é decisiva. Son dos que lle dá moita importancia ao equipo, e non aos xogadores. Se conseguimos iso, estaremos moi preto do que buscamos, o ascenso.
—Para esa unión preocúpalle o feito de ter moitos xogadores novos no equipo?
—Para iso van estar os adestramentos. Sobre todo nos primeiros tocará observar moito e ver un pouco como se relacionan, a fluidez que teñen uns e outros ou saber que nos dan xogando a perna natural, cambiada, con laterais que soben moito... Imos ter que ser un equipo versátil e imos ir probando cousas porque non fixemos unha plantilla cunha formación xa establecida. Fomos vendo que futbolistas ofrecía o mercado. Non me preocupan tanto as aliñacións que podamos desenvolver senón o entendemento de todo iso. Se temos uns principios colectivos claros, seremos máis imprevisibles para os rivais.
![](https://img.lavdg.com/sc/GmZ0m9PtddoeJiG0fum7-C2vGy4=/480x/2023/07/15/00121689373981443498231/Foto/H13E1093.jpg)
—Cantas fichas do primeiro equipo quere ter?
—Sobre vinte, cos sub 23. Condiciona un pouco o feito de non ter filial, pero temos que adaptarnos, non queda outra. Ese espazo abriría que os máis mozos tiveran opcións de competir sen dar tanto salto. A min gústame traballar con eles e axudarlles a crecer, pero a nómina de xogadores vai ser ampla e o obxectivo que temos é moi ambicioso.
—Como vai ser o novo Bergan?
—Creo que un conxunto que se marque un obxectivo como o ascenso non pode especular. Debe mirar de fronte a portería rival e buscar a vitoria dende o inicio en tódolos campos. Ás veces poderase facer máis e outras menos, pero esa é a intención, tratando con respecto aos rivais. Intentaremos ser un Bergan propositivo, que trate de recuperar a pelota o máis pronto posible e que intente levar a iniciativa con balón. Isto é o máis xenérico e dentro diso veremos que matices lle podemos dar a partir de coñecer á xente nos adestramentos.
—O céspede artificial non é o mellor para desenvolver ese xogo.
—Non me preocupo por iso, porque é algo que non podemos cambiar. Agora, que nos gustaría ter un céspede sintético ou natural, pero que axude, por suposto, pero adaptarémonos. Xa o comentei, máis adaptados que nós ao noso campo non vai estar ninguén. Imos mentalizarnos moito e tratar de buscar ás mellores solucións.
—Chegará alguén con vostede para o corpo técnico?
—A ver, xa están aí Darío e Subirán, aos que coñezo dende hai anos, sobre todo ao segundo. E logo, estamos a punto de pechar o preparador físico e o adestrador de porteiros, que xa están avanzados. O clube non me puxo ningún problema en ese sentido.
—Tódolos equipos estanse a mover moito nesta Terceira. Quen lle ten pinta de que vai estar arriba a dous meses de comezar a competición?
—Os que máis soan por mercado son, por suposto, o Arousa e a UD Ourense. Tamén o Bouzas. E hai moitos equipos que van facer moi boa temporada e que quen sabe se poden chegar. O propio Arteixo, Estradense, Celta C... Aquí nunca sabes. O que tes que ter claro é que hai que respectar a categoría. Temos o obxectivo de ascender á Segunda Federación, pero ascéndese en maio. Co cal, do que nos temos que mentalizar este ano é de gozar da Terceira e ter a máxima ambición por ser primeiros, e iso pasa polo día a día, non hai outro segredo.