Cee nomeará Fillo Predilecto ao reumatólogo Francisco Blanco García

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Será a primeira distinción destas características que outorgue o Concello

28 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación de Cee votará esta tarde a proposta de alcaldía para outorgar ao recoñecido reumatólogo Francisco Blanco García o título de Fillo Predilecto de Cee. Será a primeira persoa á que se lle conceda esta condecoración, logo de que en xaneiro se aprobase a ordenanza que regula os títulos, honras e distincións que pode outorgar o Concello.

A Blanco recoñécenlle, segundo se desprende do informe técnico elaborado para a ocasión, a súa dilatada experiencia no eido profesional e académico. «Son ben coñecidos pola comunidade científica os innumerables méritos que atesoura o doutor», di o texto sobre o homenaxeado, que na actualidade é catedrático de Reumatoloxía na facultade de Fisioterapia da Coruña, xefe da sección de reumatoloxía clínica e traslacional da área sanitaria da Coruña e Cee e director científico do grupo de investigación reumatolóxica do INIBIC.

Entre outros méritos, o consistorio tamén recalca os seus avances na investigación, os recoñecementos que ten recibido ao longo da súa carreira e a súa gran vinculación coa vila de Cee e coa comarca, coa que ten colaborado participando en xornadas de divulgación, conferencias ou charlas, e á que ten traído tamén unhas Xornadas de Reumatoloxía ás que asistiron ducias de profesionais da medicina. «Non hai dúbida do compromiso do doutor Blanco coa súa vila natal e coa Costa da Morte, en xeral, xa que leva moitos anos facendo entre os seus veciños un moi valioso labor de divulgación do seu traballo buscando para estes unha mellor calidade de vida», conclúe o informe.

Unha vez a corporación ratifique o nomeamento celebrarase un acto público no que se lle entregará un broche de solapa co escudo do Concello e un diploma artístico, tamén co escudo, que será elaborado por Xosé Iglesias, poeta, mariñeiro e artista. O acto será, previsiblemente, o 12 de agosto no auditorio da Casa da Cultura, e tamén se descubrirá unha placa nunha zona do paseo marítimo que se reservará para este tipo de distincións. Unha especie de paseo da fama que inaugurará Blanco, pero que pouco a pouco se irá completando con outros persoeiros ilustres nun futuro.

Segundo a alcaldesa, Margot Lamela, o doutor xa é coñecedor da proposta, que recibiu con gran «ilusión» e honra. No pleno desta tarde tamén se someterá a votación a concesión das Medallas Concello de Cee aos cinco alcaldes que tivo o municipio dende o inicio do período democrático, que serán, ademais, os encargados de pronunciar o pregón das Festas da Xunqueira deste ano.