A cantautora Sés: «Se hai un sitio ao que non lle podo negar nada, é Caión»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Especial Milagres de Caión | Primeiro pregón para María Xosé Silvar, que se declara ilusionada polo convite. Será esta noite, ás 23.00 horas

07 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa algúns anos que o apartado festeiro dos Milagres de Caión non tiñan pregón. Recuperouse para este 2023, e ao grande, ademais. Quen o ofrecerá, esta mesma noite, ás 23.00 horas na praza Vila Fano, será María Xosé Silvar, Sés, quen se estrea neste papel. «Que o primeiro pregón que vaia dar sexa en Caión faime moita ilusión. Primeiro e igual último», ría este martes en Radio Voz. «Non fixen isto na miña vida, pero se hai un sitio en Bergantiños ao que non lle podo negar nada, é Caión. Son unha amante total», confesa. Declárase ilusionada, e sorprendida en parte. Si, «pola confianza depositada en min». E non, porque o convite refrenda para ela o que xa pensaba: «A xente de Caión é dunha xenerosidade, unha fraternidade e unha cercanía... Xente especial. Eu sei que me queren ben, son xenerosos, confían en min, aínda que eu penso que estas cousas as adoita facer outro perfil de persoas».

Sés naceu e criouse na Coruña, pero gran parte da súa familia, e sobre todo a do «matriarcado» que tanto marca, nai, avoa, tías... é bergantiñá de Carballo. «Bergantiños non só o levo na alma, tamén na boca, sempre», asegura. «A Caión levo indo dende que teño acordo», precisa. Nos seus recordos de nena están Baldaio, A Pedra do Sal, Berdillo e Carballo mesmo, «e logo dende que me fixen mociña tiven esa querenza especial por Caión, esa península dentro doutra península. Caión é o colmo dos colmos. De Bergantiños gústame todo, que non se ofenda ninguén, pero pásame algo parecido con Corme, sempre lle tiven un aquel. Aquela quinta esencia que non sabes que é, que non sabes dicir, pero esa é a graza».

Admite que nunca foi andando aos Milagres, pero si o fan as súas irmás e tías: «Pagareino co pregón, a ver se me conmuta», ri. Nada quixo adiantar do que contará nel, aínda que si ofrece un matiz: «Pedíronme un pregón e eu son cantareira. Non quere dicir isto que vaia cantar, pero si que parto dunha tradición na que o pregón se coñece como xénero», explica. Pon por exemplo a Teresa dos Cucos, que canta un moi coñecido e que Mercedes Peón tamén recolleu: «Os pregóns eran habituais nas aldeas e vilas, neles a xente falaba, cantaba ou rimaba para meterse cos veciños. A miña idea parte desa tradición e iso é o que podo dicir, nada máis».

E se lle tivese que pór música a Caión? Cal sería? «Eu faríalle unha canción, non merece menos, pero se lle puxese unha que non fose miña, diría que un maneo caionés cantado por Xabier Díaz, unha das persoas que máis coñece Bergantiños, a súa cultura, que máis deu clases nesa comarca, que máis pandeireteiras, bailadores e cantadores creou e criou, un dos meus mestres», asevera.

Admite que cando ve algún lugar bergantiñán no almanaque de concertos sente ilusión: «De Carballo fáltame o San Xoán». «Gústame tocar en calquera sitio do mundo, téñolle estima a moitos, e este é un deles. Tamén toquei na Coruña este ano, que é onde nacín e me criei ata case os 30. E no sur de Galicia mira que me teñen cariño pese a ser coruñesa», ri. Cariño que lle chega ademais coa acollida do seu oitavo disco, Diante un eco, madurez e volta aos inicios: «Co paso dos anos non teño medo de perder a inspiración, senón a frescura. É difícil non ser permeable a todo o que está a ocorrer, pero a clave está en pasar polo enfado só como interruptor cara a acción, o movemento, non quedar nese estadío».