As orixes do maior espectáculo do mundo, a Liga da Costa

chema rei lema

CARBALLO

A Unión Deportiva, de Corme, nos anos 20
A Unión Deportiva, de Corme, nos anos 20 Arquivo de Chema Rei

Crónica histórica | Era, naqueles tempos, un deporte clasista e os que o xogaban procedían da burguesía

10 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O fútbol chegou a Galicia a finais do século XIX e os primeiros clubs fundáronse a comezos do XX, pero cando realmente se popularizou foi na década de 1920. Así foi tamén na Costa da Morte, nese territorio que futbolisticamente podemos encadrar dende Carballo ata Noia. É evidente que este deporte xa chegara antes ás vilas máis grandes, como Carballo, Negreira ou Noia, que na década anterior xa contaban con equipos que disputaban partidos nos veráns, pero vai ser agora cando a paixón se desborde e se constitúan formalmente moitos clubs. Cee vaise converter na capital futbolística na comarca fisterrá, co nacemento do Junquera contra o 1921. En Carballo fundan o Bergantiños en 1923, e en Noia, o club local participa en 1926 nunha liga do Barbanza e, un ano despois, xa se federa para competir de xeito oficial. Era tal o furor polo fútbol que un tal P. J. afirma nas páxinas do bonaerense El Heraldo Gallego (23.10.1927): «En Noya ya no quedan zapateros. (...) Puede dividirse a Noya en tres bandos: en licenciados, en ‘contemplativos’ y en futbolistas».

O fútbol desta época era un deporte clasista, pois os que xogaban eran os mozos da burguesía local, que seguramente fosen os que trouxesen este deporte á súa vila logo de veren partidos en Santiago mentres estudaban. Tamén os portos xogaron un papel importante na introdución desta actividade, que aos poucos se foi abrindo a xente máis modesta, rapaces, iso si, que puidesen dispoñer de tempo de lecer fóra do traballo doméstico e de contar cun vestiario —sobre todo o calzado— a proba dos duros campos de xogo. Dise que o motivo de que se popularizase neste momento estivo no bo papel da selección española nas Olimpíadas de Anveres de 1920, de onde regresou coa medalla de prata. Era a primeira vez que en España se formaba unha selección de fútbol e custou ferro e fariña elixir aos homes que representarían ao país. Niso tivera moito que ver o vigués Manuel de Castro, «Hándicap», que conseguira calmar os egos das distintas federacións territoriais na escolla dos xogadores. Ao final compareceron en terras belgas 15 vascos, 3 galegos, 3 cataláns e 1 asturiano ao mando do seleccionador Paco Bru. A elección disque estaba motivada porque os do norte sabían xogar en campos de herba, algo que non existía aínda no centro-sur peninsular. A representación galega estaba formada polos xogadores do Vigo Sporting, Luis Otero, Moncho Gil e Ramón González, aínda que este botou todo o torneo no hospital a causa da famosa febre do 18. Neste torneo, onde naceu o sambenito da «furia española» que máis ben era vasca e destacou Ricardo Zamora, a selección española conseguiu a medalla de prata logo dun rocambolesco sistema de competición e a retirada dos checoslovacos na final ante Bélxica.

Ramón Polo no Celta

En Galicia, ademais dos dous clubs vigueses fundados en 1905, o Vigo Sp. e o Fortuna, que dominarán o único torneo oficial existente, o Campionato de Galicia —que daba dereito a xogar a Copa do Rei—, todas as cidades contaban con conxuntos de referencia. Na Coruña, no 1904, creárase o Corunna Football Club, rebautizado en 1908 como Real Club Coruña, e en 1906, o Club Deportivo da Sala Calvet, que en 1911 mudaba o nome polo de Real Club Deportivo. En Ferrol, no 1919, fundárase o Racing Club, mentres Pontevedra contaba dende o 1905 co Sporting Club e, no 1922, xurdiría o famoso Eiriña. Estes equipos, e outros máis pequenos, das cidades atlánticas eran os que participaban no Campionato de Galicia, aos que se sumarían despois os do interior, como o Burgas ourensán ou o Lemos. No ano 1923 prodúcese en Vigo a fusión dos dous clubs rivais para dar lugar ao Real Club Celta, co corcubionés Ramón Polo como máxima figura.

Bergantiños

No 1923, en Carballo, tamén se fusionaron varios clubs para que vise a luz o Bergantiños FC, máxima institución futboleira da comarca ata os nosos días. Canda el ían nacendo importantes clubs que tiveron unha vida máis ou menos efémera e que fixeron que este deporte se convertese no principal divertimento dos mozos. O éxito motivaba que os clubs incluso creasen equipos de xuvenís (que daquela denominaban «equipo infantil»). Neste período de tempo que vai ata a Guerra Civil recollemos máis de 300 crónicas xornalísticas de partidos disputados nas nosas vilas. Xa falamos de lugares futboleiros como Carballo, Noia ou Cee, pero tamén hai que mencionar a Muros, Negreira, A Ponte do Porto, Corcubión, Outes, Muxía, Vimianzo, Buño, Malpica, Santa Comba, Ponteceso, Corme, Laxe... Os partidos que se celebraban comezaron sendo entre os distintos clubs da Costa, para despois iren vindo polos campos costeiros equipos da Coruña e de Santiago, que servían para calibrar o nivel dos nosos xogadores.

Cos anos non só foi aumentando a cantidade de matchs, senón tamén a calidade dos nosos clubs, e quizais por iso dende A Coruña lanzan en 1935 unha nada disparatada idea: crear unha especie de «Liga da Costa». Nas páxinas de La Voz de Galicia do 12 de xaneiro, un tal N.A.S. propuña que os clubs costeiros formasen un grupo dentro da chamada Serie B e que os vencedores se enfrontasen despois aos da capital. Dicía o articulista: «¿No podían tomar parte los equipos de los pueblos de la provincia? Algunos de ellos, como los de Carballo, Noia, Cee, etcétera, disponen de un equipo capaz de parangonarse con cualquiera de la capital (salvo el Deportivo y el Coruña). Comprendo que alguno de estos equipos, por su situación geográfica y por su no muy lucida situación económica no les sería muy fácil el trasladarse a contender con equipos de la capital, teniendo que hacerlo con frecuencia; pero, ¿no podría crearse un segundo grupo que muy bien podía llamarse Zona Sur de la provincia? (...) Estos equipos, junto con otros, como los de Muros (que últimamente consiguió triunfos a domicilio sobre equipos de Santiago), Carballo, Vimianzo, etcétera, formarían un grupo que podría clasificar dos clubes que contenderían en un torneo final con los dos primeros de la capital y de aquí se clasificaría el campeón de la provincia». Tan só lle vía un impedimento: «Entre ellos deben relegar al olvido las rencillas pueblerinas, dedicando todo su afán al viril deporte, y después, que estén de acuerdo, organizar entre si este campeonato. Si alguno de estos equipos no pudiese participar en el citado torneo, otros hay, como Negreira, Ponte do Porto, Fisterra, etcétera, que podrían suplir a cualquiera de los otros y aun aumentar el número». A idea estaba lanzada, a Guerra Civil impediu que se levase a cabo.

Nos vindeiros capítulos iremos falando, a partir das crónicas dos xornais da época, dos distintos clubs que se formaron na Costa antes da Guerra Civil e que supuxeron o punto de arranque do maior espectáculo do mundo: o fútbol costeiro.