Coma moitos dos que len estas liñas, gusto de consumir contido en plataformas de streaming. Estes días, na máis coñecida, están de moda os documentais de crimes seriais que conmocionaron á sociedade española. Nesta semana, vin o que versa sobre a asasina Rosa Peral e o do crime da nena de Santiago, Asunta Basterra.
Coido que o streaming ten moitas cousas boas pero tamén nefastas. Consumir sen pausa, entroncando capítulo e capítulo fai que consumamos de maneira masiva, un fast cinema de usar e tirar.
Creo que estamos perdendo o hábito de deglutir amodo as series e as películas e penso que se nos preguntan un mes despois non nos acordamos nin da centésima parte. Outra cousa que aborrezo destas plataformas é o morbo. Ese sentimento vil de querer coñecer os detalles máis amarelos e tétricos. O máis perigoso disto é que nos sentimos identificados cos verdugos, empatizando perigosamente cos asasinos. Esquecemos que non é ficción, que hai familias enteiras que aínda continúan chorando polas perdas dos seus. Temiblemente, como espectadores somos capaces de emitir xuízos despiadados e sentirnos donos da verdade, a través dun material sesgado e dende unha perspectiva allea.
De cando en vez, gústame consumir o cine de autor de plataformas como Filmin. Resulta como un sopro de aire fresco logo de ver tanta palla. Sexan intelixentes como espectadores, non se declinen pola vertente que lles queiran meter polos ollos. A verdade xurídica prevalece por enriba das conxeturas dos guionistas. Vivir máis amodo, saborear a cultura fuxindo das masas e do consumismo atroz. O comercial non é sempre o máis bo, é o que foi predeterminado para vender máis, entrándonos fácilmente na cabeza. A calidade radica nun punto moi diferente.