Cara e cruz

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Martina Miser

06 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise, e con razón pragmática, que a política (democrática) é a arte do posible. Negociamos, pactamos, cedemos, perdemos e gañamos. Todo a un tempo. Non é cara ou cruz, vai todo no lote. E coido que é preciso recordalo cando se está a poñer en cuestión, desde o meu punto de vista de xeito exaxerado, esa capacidade da política española actual para consensuar solucións a problemas enquistados que impiden que se fale do que máis afecta á cidadanía, á vida cotiá e ao benestar público xeral. Ben están os principios inalterables. Non somos Groucho Marx. As gargalladas son apropiadas nas festas, mais nos velorios hai que manter a compostura. A política non só é Maquiavelo, tamén están Fausto e Dorian Gray. Sorprende moito, iso si, que políticos de esquerdas e dereitas que noutra época pactaron, supostamente por un ben maior, con terroristas, franquistas, comunistas e nacionalistas, neguen agora, alporizados, unha solución negociada para poder formar un goberno sen necesidade de repetir eleccións. Claro que hai que respectar a legalidade constitucional e, incluso, reformala de ser necesario. E estamos fartos de escoitar a uns e outros que é imprescindible facelo en varios artigos superados polo paso do tempo e as circunstancias sociais e políticas. Eu espero que se impoña certa cordura. Que os dous grandes partidos non sexan capaces de poñerse de acordo en absolutamente nada non é bo. E que se lle queira negar ás minorías mesmo a propia existencia aínda é peor. Podemos convivir en paz, ou non? A ver se grazas a que a FIFA nos concedeu organizar un mundial de fútbol interparroquial a sangue non chega ao río. Por certo, estamos no outono e nin unha gota de auga. Isto si é preocupante.