Non teño interese en centrar o discurso nunha causa concreta. O que pasa en Gaza era evitable se a ONU servira para o que foi fundada. Manter a paz con xustiza no mundo. Unha ilusión imposible de realizar. Por aí temos o Sáhara, e o que pasa en Armenia con ese enquistado conflito de Nagorno-Karabaj. O conto de que David venceu a Goliat é unha estafa máis da Historia Sagrada. E o triste é que os mortos sempre son eses que naceron sen alma. Non importa moito o lugar do muro onde se encontren.
Vexo, si, moito interese estratéxico para que todo convulsione. Os bos xogadores do xadrez saben mellor ca min de que van estas liortas. As grandes potencias non teñen outro interese que medirse para demostrar cal é máis poderosa. Lean, se poden e queren, El maestro y Margarita, de Mijail Bulgákov. Verán que deus e demo son parte indivisible dun gran complot que non se pode romper. Triste, verdade? Pero mirar inocentemente cara outro lado non serve. Palestina é un pobo masacrado e os xudeos... Ai! Canto sufrimento! Costa tanto vivir en paz? Parece que si, mentres desde China, EE. UU., Irán, Rusia e unha chea de multimillonarios xogan a ver quen ten o petardo máis grande. Esperemos que os que manexan os fíos se compadezan de tanto inocente morto sen causa. Sinto dicilo, para non asustar, pero non durmo tranquilo dende hai tempo. E recordo, moi ao meu pesar, estes versos de César Vallejo: «Hay golpes en la vida, tan fuertes... Yo no sé! / Golpes como del odio de Dios; como si ante ellos, / la resaca de todo lo sufrido / se empozara en el alma... Yo no sé!»
E segue sen chover nin gota, mentres a metralla cae sobre inocentes. Que mundo! Por Deus bendito! Desculpen, cada día máis ateo.