De Pondal á Casa do Demo, un longo percorrido polo patrimonio pontecesán

A. L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

AMEIXEIRAS

O bardo inspirou o itineraro para profesionais do ensino que se levou a cabo onte en Ponteceso

22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pondal inspirou o percorrido polo patrimonio histórico e cultural local como recurso educativo que se levou a cabo onte por terras pontecesás para profesionais do ensino, que se puideron mergullar nun profundo mar de sabedoría. Organizou o Centro de Formación e Recursos da Consellería de Educación.

Comezou a viaxe na lareira da Fundación Pondal, en O Couto. A primeira parada foi na igrexa de Cospindo. Mentres que o campaneiro chamaba para os oficios relixiosos, Juan Félix Neira Pérez debullaba a arte que contén o templo, cos seus retablos, un barroco e outros neoclásicos e historicistas. Mágoa da bóveda de pedra perdida. Pondal cantoulle ao campanario e aos canteiros que o fixeron, os Gamallo. No costado esquerdo do edificio, un gravado do século XVI. Igual procede doutro lugar.

Diante das tumbas dos irmáns de Pondal, Uxía Varela e Yago Espasandín recitaron o poema no que o bardo pedía que o enterrasen en Ponteceso.

Anxo Cousillas, Xosé María Varela e Xosé Manuel Varela explicaron, logo, a ruta dos menhires. Son doce e sinalan espazos recollidos nos versos de Eduardo Pondal. Foi unha das primeiras iniciativas de Fundación, hai 15 anos, inspirada no poema O pobo renace. No centro está a figura de Pondal collida dunha ilustración de José Cortés, publicada en La Voz de Galicia. A tipoloxía na que se recollen os breves textos literarios corresponden a Urbano Lugrís.

AMEIXEIRAS

Diante do gran monólito do Recheo de Ponteceso, deseñado por Díaz Pardo e instalado nunha homenaxe no 1981, Javier Couto amosou as rutas polas terras do Anllóns, ese leito de auga que vertebra Bergantiños, e o seu espazo intermareal. Uxía Varela e Yago Espasandín, de novo, trasladaron o espazo ao mundo literario pondaliano.

En Langueirón, Juan Félix Neira deixou absortos aos presentes coas súas explicacións sobre a arte do tempo parroquial, no que destaca unha bóveda cruzada de tradición gótica na capela da dereita, unha escultura na fachada de Anxo Cousillas, uns retablos ben interesantes do século XVIII e un símbolo dos Lobeira. En Xornes informou aos viaxeiros de que a igrexa, de inspiración románica, foi trasladada dun lado ao outro da estrada. Sábese que respecta a fachada porque a vella aparece en obras de Álvarez de Sotomayor.

Na Pontedona, Luis Giadás trasladou aos presentes ao 1942, cando un avión alemán acabou derrubando outro inglés que previamente atacara un buque nazi cargado de volframio que saíra de Corcubión. Tamén contou como se construíu ese paso sobre o Anllóns que une Coristanco con Ponteceso en 1839. De novo, houbo recitado.

En Allóns, Félix Neira lembrou o primeiro caso de poltergeist documentado en España: a Casa do Demo e os fenómenos estraños que sucedían no interior.