O certame Contos de Nadal busca o seu vixésimo gañador entre nenos da Costa da Morte

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

En marcha unha nova edición do concurso, promovido por La Voz e Radio Voz

05 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o Nadal e, con el, o certame literario co que a Costa da Morte leva máis de vinte anos citándose para incentivar a creatividade dos máis pequenos e para procurar as mellores historias de inverno. Chega a vixésima edición do concurso Contos de Nadal, que promoven conxuntamente La Voz e Radio Voz co patrocinio de EDP Renewables e Fundación EDP.

Ata o vindeiro 30 de novembro rapaces de segundo ciclo de educación primaria (terceiro e cuarto curso, arredor de 9 e 10 anos de idade) poderán remitir as súas historias con temáticas relacionadas con estes tempos de Nadal. Deberán ser orixinais, estar escritas en galego e ter unha extensión máxima de 1.500 caracteres, que sería o equivalente a dous folios.

Os contos han de enviarse correctamente identificados ao enderezo de correo electrónico eventos.carballo@lavoz.es, e unha vez recibidos, un xurado será o encargado de valoralos seguindo criterios como a orixinalidade, a redacción, o nivel literario ou a proximidade temática coa Costa da Morte. Elixirán en total dez historias finalistas, que serán desveladas en decembro. Os autores das tres primeiras recibirán un agasallo, e os restantes, un diploma acreditativo, pero os textos de todos eles serán integramente publicados nestas páxinas, como xa é costume, con anterioridade á cerimonia de entrega de premios.

Nas dezanove edicións que se teñen celebrado deste concurso resultaron gañadores estudantes do CEIP Bormoio-Agualada, CEIP As Forcadas de Corme, CEIP Bergantiños de Carballo, CEIP Canosa-Rus, CEIP Vilarmide de Muxía, CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, CEIP Mar de Fóra de Fisterra, CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño ou CEIP Labarta Pose de Baio, nalgún caso ata en varias ocasións.

Numerosos persoeiros do eido da educación ou das letras formaron parte do xurado ao longo dos anos, como Xosé Manuel Varela, Xelucho Abella, Evaristo Domínguez, Víctor Castiñeira, Luis Giadás, Viki Rivadulla, Xurxo Alfeirán, Lourdes Pardo ou Alexandre Nerium, así como xornalistas da delegación de La Voz en Carballo ou locutores de Radio Voz Bergantiños.

Os gañadores anteriores, un a un

  • 2001 O Nadal de Rai, de Rocío Moreira Albela (CEIP Bormoio-Agualada).
  • 2002 O abeto adornado do bosque, de Clara Añón Martínez (CEIP As Forcadas).
  • 2003 Un día de Reis especial, de Martín García García (CEIP Bormoio-Agualada).
  • 2004 Feliz Nadal, Pulgoso, de David Moreira Alvelo (CEIP Bormoio-Agualada).
  • 2005 Don Quixote foi ao Nadal, de Lidia Loureiro Facal (CEIP Bergantiños).
  • 2006 A resurrección de Xaquín, de Martín Rodríguez Castro (CEIP Canosa-Rus).
  • 2007 As tres estacións estragadas, de Manuel Fuentefría Moreira (CEIP Bergantiños).
  • 2008 Conto triste de Nadal: o soldado Andrés, de Jesús R. Rodríguez Muíño (CEIP Canosa-Rus)
  • [...]
  • 2012 Rafael e a loita polo Nadal, de Alejandro Leis Trillo (CEIP Vilarmide).
  • 2013 Supercecilia toca a zambomba, de Hadrián Romero Abelleira (CPR Manuela Rial).
  • 2014 Reis, de Laura Cambeiro Martínez (CPR Manuela Rial Mouzo).
  • 2015 Detrás da fervenza, de Camilo Pablo Rodríguez Espasandín (CEIP Vilarmide).
  • 2016 Os sons do Nadal, de Xiana Castiñeira Buiturón (CPR Manuela Rial Mouzo).
  • 2017 Na coviña do monte, de Samuel Antelo Castro (CEIP Bormoio-Agualada).
  • 2018 A noite máis longa, de Alberto Pérez Martínez (CEIP Mar de Fóra).
  • 2019 A avoa Lola, de Adrián Varela Dovale (CEIP Joaquín Rodríguez Otero).
  • 2020 A fin do egoísmo nos tempos de Nadal, de Bruno Martínez Rodríguez (CEIP Gándara-Sofán).
  • 2021 O valor do Nadal, de Iria Álvarez Allariz (CPR Manuela Rial Mouzo).
  • 2022 O sorriso de Nadal, de Mariña Vázquez Espasandín (CEIP Labarta Pose).
  • * Nenos recoñecidos co primeiro premio en cada unha das 19 edicións celebradas.
  • ** Entre os anos 2009 e 2011 o certame literario non foi convocado.