Alucinacións

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Javier Milei.Javier Milei, presidente de Argentina
Javier Milei, presidente de Argentina

24 nov 2023 . Actualizado a las 10:19 h.

Falaba o pasado venres do perverso que é manipular as frustracións sociais, terxiversalas ou falsealas. Retorcer a realidade é un alucinóxeno perfecto para recrearse nesa abstracción tan saudable que ennobrece á pintura ou á poesía. Substancia nada recomendable na Socioloxía e a Ciencia Política. Non obstante, o xeito de mirar si pode ser compartido. A importancia dun iceberg non está na pequena parte que vemos, senón na masa que se agocha no océano. E a pureza, (de poder existir), só a conseguen físicos e químicos neses laboratorios herméticos nos que traballan. E pode que tamén eses matemáticos, que traballan inmersos nunha nebulosa numérica hiperrealista. Admirados todos eles polos que vivimos na dúbida permanente de o que, o como e o para que. Profesionais mal pagados e incomprendidos dende que din que o mundo é mundo. Non alucinan nin sequera cando berran Eureka, para celebrar un descubrimento, convencidos que, de súpeto, serán superados por outros igual de transitorios. Os científicos sociais, pola contra, traballamos nun arame espiñento. O ideal Weberiano só é un referente. Rousseau, Voltaire, e tantos outros, asumían que a sociedade sempre sería imperfecta. Hoxe quería falar da Arxentina, da deriva radical estratéxica da dereita española, dos erros e acertos de Pedro Sánchez, pero «Cuando ruge la marabunta» é recomendable poñerse a cuberto e fuxir. De aí que o meu discurso derive alucinado na arañeira da incerteza. Nas Cidades invisibles de Italo Calvino, lectura que recomendo, Marco Polo dille a Kublai Kan: «Eu falo, falo, pero o que me escoita só retén as palabras que espera... O que domina o relato non é a voz: é o oído». De aí que sexa tan recomendable falar menos e escoitar con atención.