A Fundación Pondal lidera a nova asociación galega de casas, museos e espazos literarios

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CAPOTILLO

O xerente da fundación pontecesá foi nomeado presidente desta nova entidade, que aglutina 27 asociacións de toda Galicia

04 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o sábado un «día histórico» para os grandes autores galegos e para as entidades que traballan pola súa memoria. «Histórico», «impresionante» e «ilusionante» son as palabras empregadas por Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal e, dende antonte, presidente da nova asociación Nós, que aglutina casas, museos e espazos literarios de toda Galicia. Son 27 as entidades das catro provincias que unirán forzas para traballar por proxectos comúns. «Levabamos xa un tempo pelexando por isto», di Varela, que, pola súa banda, agradece tamén a «confianza depositada» nunha entidade, a Fundación Pondal, «máis pequena e cun inicio máis tardío que a maioría» das asociacións que aglutina Nós.

No acto do sábado, celebrado no marco da feira Culturgal, fíxose lectura da Declaración de Celanova, asináronse simbolicamente os Estatutos e reflexionouse sobre as diferenzas entre as diferentes entidades. «No noso caso, fixemos fincapé na importancia do traballo coa canteira, coa xente de base. Intentamos que a xente participe dende idades temperás», apuntou Varela, que estará acompañado na directiva por Anxo Angueira (Fundación Rosalía), Antonio Piñeiro (Curros Enríquez), Susana Reboreda (Otero Pedrayo), Alberto Ansede (Manuel María) e Uxío Novo (Uxío Novoneyra). Unha constelación de estrelas da literatura galega que Varela terá a honra de comandar: «Dá algo de vertixe [asumir esta responsabilidade], pero toda mención que se faga á Fundación Pondal será unha mención á Costa da Morte, e iso é motivo de orgullo», di Varela.

Un día de festa por cada ano de vida: a fundación pontecesá está de aniversario

Foi o 13 de decembro do 2008 un día de festa para O Couto, pois logo de cinco longos anos de tramitación, abriu as súas portas unha entidade que co paso do tempo se acabaría volvendo crucial para a dinamización cultural e social desta pequena vila pontecesá.

A Fundación Eduardo Pondal, á que unha multitude de veciños deu entón unha agarimosa benvida, festexará ao longo desde mes de decembro os seus quince primeiros anos de vida. E farao, como non, con quince días de festexos: un por cada ano completado.

A clausura da Casa da Muller, a proxección dun vídeo sobre a historia da entidade (obra de Adrián Varela) e un chocolate con rosca abrirán a programación o vindeiro 15 de decembro. O seguinte día celebrarase unha nova cova céltica en torno á presentación da reedición de Gundar e o cabalo de oito patas, de Xelucho Abella, mentres que para o día 18 se reserva un obradoiro de emprendemento no que estarán como relatores a consultoría BlueLeaders e participantes no Polo de Emprendemento Costa da Morte.

O día 19, Xosé Manuel Varela Varela guiará un roteiro en bus en torno á obra de Abella, anteriormente presentada, e tamén terá lugar unha lembranza ás pandereteiras de Mens e unha actuación do grupo Se Cadra, da Casa da Muller. Así mesmo, celebrarase outro acto en torno á música tradicional cunha homenaxe a Ramona Pensado e unha actuación dos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk.

Continuará a programación o día do Himno Galego, o 20 de decembro: haberá unha xornada de convivencia entre alumnado de Mondoñedo e Ponteceso, unha ofrenda floral ante o monólito de Pondal e unha interpretación do himno coa vimiancesa Irma Macías como artista convidada.

O día 21, por outra banda, será un día centrado na solidariedade, con xincana, cinema na rúa ou mercado, pero tamén nas melodías tradicionais de Guillerme Fernández e Faia Díaz.

As últimas nove xornadas desta quincena de festexos (22, 26, 27, 27 e 29 de decembro, así como o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro) quedarán reservadas para as actividades da Escola de Inverno.