Cultura e aprendizaxe para tódolos gustos coa Fundación Eduardo Pondal

La Voz LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Consulta o amplo compendio de actividades deste primeiro semestre do ano, con actividades de luns a sábado na Casa da Muller

07 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un mes despois de cumprir quince anos, a Fundación Eduardo Pondal presenta un programa de actividades para o primeiro semestre do 2024 que non fai máis que confirmar o seu profundo compromiso cos veciños e veciñas de Ponteceso e Bergantiños. «A nosa ilusión é que non quede ninguén sen aprender e que poidamos sacar á xente das súas casas», sinala Xosé María Varela, xerente da entidade. Un obxectivo máis doado de conseguir co volume de ofertas das que dispoñen este ano na Casa da Muller, na que mañá se reinician as actividades. Será un espazo vivo dende luns a sábado e ata o mes de xuño. Os luns, haberá costura, con Teresa Mosqueira, Placeres e Fina Calvo, e informática, con Paula Blanco. Os martes serán para calceta, con Ana Lema, informática e coiro, unha das actividades novas que se introducen e que impartirá Maranxo.

Os mércores será a quenda para a pandeireta, con Lupe Blanco e para o mindfulness, con Teresa Vilanova. Os xoves, toca cociña, con Bautista Mato, e para a poda e enxertos, con Amancio Lavandeira. Os venres, cestería con Teresa Seara; teatro con Yago Espasandín, pirogravado con Ricardo Rico e Tornarratos con Tamara Lema e Sabela Nogueira. E por último, os sábados haberá unha actividade denominada Talento Interxeracional-Patronaxe, con Teresa Mosqueira, Placeres e Fina Calvo, e aulas científico-tecnolóxicas, con Gerardo Reino, Sofía González e Esther Suárez. Ademais, dende a Fundación advirten de que aínda está pendente de confirmar un dos días da semana para consellos médicos con Adriana Suárez e José González. «Somos unha referencia en canto a programas de envellecemento activo», resalta Varela.

Un programa pioneiro

Neste amplo compendio de actividades tamén se estrea un programa pioneiro, que pretende por en valor a cultura mariñeira. Trátase dunha iniciativa financiada polo GALP e na que participan os concellos de A Laracha, Carballo, Malpica, Cabana, Laxe e Camariñas. Trátase de ensalzar a cultura mariñeira a través de espazos singulares, romarías, camiños do mar, os carpinteiros da ribeira, a despensa mariña, as artes ou a lingua mariña.

Por suposto, a Fundación seguirá ensalzando a súa figura principal, cun percorrido polo espazo poético pondaliano nos lugares de Caión, Razo, Nariga, cabo de Santo Hadrián, Sisargas, Esteiro do Anllóns, Laxe e Camariñas durante febreiro e xuño e co apoio do Instituto de Estudos do Territorio. O rescate de coplas e romances legadas por Matilde Castro García, Matilde de Limiñoa, e outra das principais metas nesta primeira metade do 2024, no que haberá presenza de alumnado en prácticas da Facultade de Ciencias da Educación de A Coruña.

Mes a mes

XANEIRO

  • Luns 8. Arranca a preinscripción no Curso de Monitorado de Tempo Libre. Con 20 prazas disponibles para maiores de 18 anos. Pagamanto de seguros, taxas e convivencia. Para formalizar a inscrición: cursomonitoradotempolibre@gmail.com
  • Mércores 17, ás 17.00 horas. Xornada de paisaxe e litoral coa presentación do libro de Pedro Calaza Martínez, Infraestrutura verde. Sistema natural de salud pública, de la editorial Mundiprensa. Colaboran los Concellos de Ponteceso y Cabana, además de la Xunta de Galicia. Participará a vicepresidenta segunda da Xunta, María Ángeles Vázquez Mejuto; o conselleiro de Mar, Alfonso Villares Bermúdez e o presidente da Asociación Española de Parques e Xardíns, Pedro Calaza Martínez. Moderará María Varela Fondo.

FEBREIRO

  • Luns 13. Luns de Entroido. Haberá filloas á pedra na lareira da Fundación.
  • Venres 23. Día de Rosalía. Haberá clado de Gloria na lareira da Fundación. Ademais, presentarase o Curso de Monitorado de Tempo Libre.

MARZO

  • Venres 8. Día da Muller.
  • Sábado 9. Cova Céltica. Juan Félix Neira Pérez presenta o libro Josefa de la Torre. A espiritada de Gonzar, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
  • Dende o luns 25 ata o mércores 27: convivencia de adolescentes en Mariñán.
  • Dende o luns 25 ata o xoves 28: Escola de Semana Santa.

ABRIL

  • Sábado 13. Actividade de A Casa da Muller. Saída ao Xeoparque Ortegal e Santo André de Teixido.
  • Sábado 20. Calas no patrimonio histórico e artístico local da parroquia de San Martiño de Cores, en Ponteceso.
  • Sábado 27. Cova Céltica. Presentación do libro de Luar na Lubre.

BASILIO BELLO

MAIO

  • Sábado 4. Cova Céltica. Luísa Villalta.
  • Xoves 9. Ata o venres 10. Foro Somos Monte.
  • Sábado 11. Actividade de A Casa da Muller. Saída ao Camiño Inglés: Betanzos.
  • Venres 17. O Dezasete. Evento de entrega dos Premios Bos e Xenerosos.

XUÑO

  • Sábado 1. Cova Céltica. Antón Cortizas presenta Os versos da mariola, de Edicións Embora. Premio Arume de poesía para nenos.
  • Sábado 8. Actividade de A Casa da Muller. Saída a Outes: ruta emocional dos carpinteiros dos pés mollados (sancosmeiros e cultura mariñeira)
  • Venres 28. Evento de clausura das actividades do primeiro semestre da Casa da Muller.