Fabián Canosa: «A autovía ata Berdoias, o emprego e os servizos públicos son prioritarios»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

basilio bello

A carreira electoral | O concelleiro camariñán ocupa o posto número 6 do PSOE pola Coruña

10 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un referente do balonmán da Costa da Morte como primeira liña e pivote, como así o reflicte o seu paso polo Camariñas e o OAR Coruña. Deixou o deporte de competición para enrolarse na política da man do PSOE de Camariñas, cargo que compaxina co de docente na Coruña. Concelleiro de Deportes e Educación, foi candidato ao Senado nas pasadas eleccións xerais e agora ocupa o sexto posto da lista socialista na provincia da Coruña para o Parlamento autonómico, nuns comicios que se celebrarán o vindeiro domingo, día 18.

—Móstrase optimista de acadar un posto en San Caetano?

—Si, estou seguro de que se poderá acadar. Hai proxecto para ilo. Creo que o de Besteiro é o adecuado para Galicia. Temos por diante unha semana para expoñelo entre a cidadanía e seguro que o partido estará á altura do que espera a xente.

—Como vive esta campaña?

—Con moita ilusión e coa esperanza de que haxa un cambio de rumbo na Xunta de Galicia. Moita xente da Costa da Morte está cansa das promesas incumpridas do Partido Popular.

—Cales cre que son as principais necesidades que ten Camariñas?

—Moitas, pero o peor é que hai proxectos sen executar dende hai máis de quince anos.

—Por exemplo?

—Ampliar o paseo da fachada marítima ata o Canzorro, reactivar o sector pesqueiro de Camariñas, sobre todo o marisqueiro. Para nós é algo vital. Non pode ser que en tres anos os nosos mariscadores non puideran sacar un só berberecho das praias. A Xunta non fixo nada en este tempo por arranxar os problemas dos nosos mariscadores. En canto a infraestruturas, é imprescindible arranxar e mellorar, dunha vez por todas, a estrada que comunica Vimianzo con Camariñas. Outra prioridade será acometer un proxecto da época de Touriño [2004-2009], o saneamento de Xaviña. Son xa 16 anos de espera e creo que xa é tempo dabondo de espera. Tamén é necesario facer unha reforma integral en todos os centros educativos de Camariñas.

—E de cara á Costa? En que cre que se debería de traballar?

—Rematar a autovía ata Berdoias, pero como autovía, non como corredor como propón a Xunta.

—Outras necesidades?

—O emprego e o impulso dos servizos públicos. Ampliar o solo industrial resulta crave para o fomento de postos de traballo. Pero tamén hai outras necesidades na Costa da Morte. En dependencia, impulsar os servizos de axuda no fogar. Non pode ser que a Xunta delegue nos concellos un tema que é da súa competencia. Tamén é necesario dotar na comarca dunha rede de centros asistenciais para os nosos maiores. En materia educativa, hai que evitar o constante peche de aulas e escolas. E no eido sanitario hai que rematar cos retrasos nas citas previas, de ata dez días, para ser atendido en atención primaria.

—Véxoo moi optimista.

—Creo no proxecto de Besteiro. Se os veciños que na Costa da Morte votaron ao PSdeG nas pasadas municipais o volven a facer o vindeiro domingo nas autonómicas, teño claro que o PSOE pode ser esa forza que impulse e lidere ese cambio e rematar así co Partido Popular das trabas.

 A quiniela de Fabián: 36 PP, 21 PSOE e 18 BNG