Abraham Cupeiro, artista: «Con catro pezas que ían ao lixo créase música»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

ECOVOZ | O instrumentista sarriano fala dos seus hábitos medioambientais

26 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A capacidade para reutilizar é unha das bazas fundamentais do traballo de Sogama. E trasladado ao eido musical, poucos axentes hai tan importantes no aproveitamento de materiais para construir novos instrumentos como o sarriano Abraham Cupeiro.

—Cando comezou a interesarse pola arte de recuperación de instrumentos?

—Dende cativo sentín moita atracción polo tema da historia e da música. Ao nacer en Galicia, é certo que a música popular e a tradición ancestral están máis vivas que noutros lugares. No último ano de carreira no conservatorio construín unha trompeta natural do século XVIII. E aí, vendo que era capaz, comecei a copiar instrumentos que vía nos museos.

—Recorda se ese interese por reutilizar materiais lle vén de máis pequeno?

—A verdade é que si. Sempre tiven ese interese, non só coa música. Recordo ir á aldea e estar fedellando cun martelo e varias táboas. É algo que reivindico nesta época na que parece que só usamos o dedo pulgar para o teléfono móbil. As nosas mans permítennos facer cousas por nós mesmos e iso permite que nos sintamos máis realizados. O móbil, en cambio, xera máis ansiedade.

—O seu traballo reconstruindo instrumentos básase nun dos principais da reciclaxe, o de darlle segundas vidas.

—Si, dende logo. Vivimos nunha época na que temos que ser cada vez máis conscientes de que temos que coidar o noso entorno e reutilizar todo o que teñamos ao noso alcance. Ademais, estes intrumentos tan humildes son unha boa vacina para este gran consumismo que existe na sociedade. Coido que fainos ver, de verdade, o noso interior, cando con catro pezas que se ían tirar ao lixo, lle damos un novo uso musical.

—Que técnicas pon en práctica no seu día a día para coidar a contorna?

—Nós vivimos nunha pequena cabaña no medio do monte e todo o que é orgánico utilizámolo para facer un compost para a horta. Separo o lixo e intento mellorar nos pequenos detalles. Por exemplo, levo unha vida moi sinxela, non necesitando moitas cousas, que parece que agora temos que encher o presente con moitos obxectos. Eu intento que cheguen ao máximo da súa vida. Se algo che avaría ou rompe, hai que intentar arranxalo antes de mercar outro novo. Digamos que é un pequeno reto, intentar que aguanten o máximo posible.