Os artistas nunca morren

Guille Gil IN MEMORIAM

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

29 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou sentado no teu taller, no banco onde te sentabas ti, mirando para as túas figuras e esperando que aparezas ao meu lado para darme a inspiración que agora me falta ao escribir este texto. Non sei se algún día se me quitará esta esperanza que teño de que volverás estar aquí. Dáme medo imaxinar que este pensamento vai estar sempre comigo, pero creo que me dá máis medo pensar que nalgún momento se me vai quitar. E se chega o día no que non te recordo? Sabía estar sen ti cando ti estabas, pero non sei se vou saber estar sen ti agora que non estás. Chega ao ceo un artista e queda na terra un baleiro que nunca se poderá volver encher. Faleceu Salvador Gil, o ferreiro de Laxe. Pai, avó, home e sogro dunha familia que sempre estivo con el nos seus momentos máis difíciles, que por desgraza non foron poucos. Eu creo que de tanto traballar co ferro, converteuse nun superhome, porque pouca xente resistiría o que resistiu el.

Salvador foi recoñecido en Bergantiños por ser a persoa que durante anos adornou o paseo marítimo de Laxe coas súas figuras feitas de ferros. Un martelo vello, uns parafusos, a cadea dunha bicicleta, uns tubos... Calquera cousa lle valía para transformar unha idea en arte. Ao fin e ao cabo, iso é o que fan os artistas. Onde uns só vían chatarra, el vía material para facer unha réplica da Torre de Hércules de tres metros, ou un Don Quixote de máis de 100 quilos, acompañado sempre do seu Sancho Panza. Tamén se acordou dos voluntarios do Prestige, cunha figura que os recibía ao chegar ao pobo. Un extraterrestre, un guitarrista, unha familia mariñeira, un ciclista... Ata inventou unha nova especie, feita cun arado dos antigos, á que bautizou como «Aradus: animal terrestre extinguido no século XX».

Unha vez, para amosar o que facía, subiu unha das figuras a un remolque e colouse no desfile da cabalgata de Reis. Tiña el, ás veces, ese toque excéntrico de artista consolidado, pero que moi ben lle quedaba. Saíu varias veces na prensa, e encantáballe verse. Tamén chegou a participar na famosa serie Mareas Vivas, onde axudou con algúns decorados.

Papá, espero terche dito o orgulloso que estou de ti, pero non recordo se o fixen. Tamén contaba cunha colección de máis de 50 figuras de tamaño máis pequeno, que hoxe adornan o taller no que el pasou gran parte da súa vida, entre ferros e eléctrodos. Este era o seu sitio, onde Salvador era máis Salvador.

Grazas por facer todo isto, por ser desas persoas que deixan marca e que son imposibles de esquecer. Grazas por ser pai meu e de miñas irmás Sally e Heidi, avó de meus sobriños Juan Ramón e Andrea, home de miña nai María Jesús e sogro de meu cuñado Juan Ramón. Nesta casa querémoste moito e nunca te imos esquecer. Agora descansa, meu rei, que o tes ben merecido despois de todo canto pasaches.