O mellor que me deu a música: a xente

Guillerme Fernández

CARBALLO

BASILIO BELLO

EN PRIMEIRA PERSOA, Guillerme Fernández | Berrogüetto, Leilía, De Vacas, Fuxan os Ventos... Unha vida dedicada á música

02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dun primeiro intento sen éxito nunha rondalla escolar, a decisión vital de querer dedicarme dalgún xeito indeterminado á música, chegou cursando o oitavo curso da extinta EXB, o día en que caeu nas miñas mans o primeiro disco dun coñecidísimo grupo da «movida viguesa». Antes, dedicara algúns meses a fedellar nos instrumentos que había pola casa (os que máis ou menos tocaba o meu pai), e aínda que a miña aposta clara era pola batería, a imposibilidade económica de acceder a unha fixo que me decantara definitivamente pola guitarra.

Nos anos de instituto, un mestre de galego, co que aprendín máis da vida que de galego, Suso Verao, fíxome ver que había música máis aló do rock e achegoume para sempre á figura do Zeca Afonso.

Así comezou o tránsito que me levaría nos anos seguintes a tocar con diversas bandas locais en todo tipo de escenarios nun réxime semiprofesional. Daqueles anos iniciáticos e de aprendizaxe gardo o mellor dos recordos, especialmente dos momentos partillados cos meus irmáns Marcos e Ale (tamén músicos), moitos deles na nosa casa familiar de Nigrán, para goce dos nosos queridos pai e nai, Manolo e Marisa.

A profesionalidade completa chegará poucos anos despois da man de Berrogüetto, grupo que provocou unha especie de revolución na música galega aportándolle unha nova e moderna visión e maneira de facer, un universo sonoro particular e único, probablemente irrepetible e que me agasallou a posibilidade de viaxar e tocar en lugares do mundo aos que moi dificilmente chegaría doutro xeito.

Foi con Xabier Díaz que fixemos Músicas de salitre, músicas atlánticas que chegaron a nós polo océano, sempre presente nas nosas vidas desde que vimos ao mundo, el no norte e eu algo máis ao sur.

Con Espido arriba a calma, o sosego, a intimidade, a complicidade cunha persoa, Guadi Galego, que marcaría a miña senda vital e musical para sempre de modo irreversible.

aCadaCanto

A Guadi e a Xabier súmase a chegada de Xosé Lois Romero e o resultado é aCadaCanto. Baleirámonos nun proxecto conscientemente efémero, e por iso único. Abrazamos a poesía de Rosalía e dixemos adeus, non se nos ocorreu mellor maneira de facelo.

Coa fin da andaina de Berrogüetto chega o aire fresco que aporta o proxecto máis tolo e divertido no que nunca me vin involucrado, De Vacas: Inés, Faia e Paula ou o que é o mesmo a Marela, a Pinta e a Morena. Traen consigo o feminismo, a irreverencia, a reivindicación, a retranca e o humor empregados como arma de construción masiva.

E de novo Guadi Galego, agora co seu proxecto máis persoal, marcando o seu propio camiño. Guadi feita música e letra, feminismo, empoderamento, sensibilidade, xenerosidade...

Polo camiño quedaron propostas un tanto diferentes e peculiares, pero igualmente queridas: con Ricardo de Barreiro, artista multidisciplinar dos máis talentosos que coñezo, demos renda solta á súa faceta poética e tamén ilustradora. Ao espectáculo chamámoslle «Sobre o amor e outras mariconadas» e conxugaba poesía e música partindo do libro de mesmo título, primeira incursión de Ricardo no mundo literario.

A banda de Budiño

Durante anos fun parte da banda de directo de Budiño, amigo co que xa compartira experiencias noutro grupo anterior, Fol de Niu. Sempre pensei que esta banda nacera dez anos ou máis antes de tempo, quizais hoxe fose máis comprendida que naquel momento.

Tamén tiven a fortuna de partillar escenarios coas mestras Leilía, aportando parte da electricidade que as súas cancións buscaban por aquela época da man do imprescindible Xoán Porto (Guancho), na xira do seu terceiro traballo discográfico, Madama.

Quizais un dos momentos máis especiais foi ser parte da banda que acompañou aos históricos Fuxan os Ventos na súa reaparición nos escenarios. Aqueles concertos plasmáronse nun disco chamado Terra de soños, un tesouro para min poder escoitar hoxe a miña guitarra acariñada pola voz do queridísimo Moncho Díaz.

Foi nos últimos anos que comecei a facer bandas sonoras para teatro, poñendo música e aportando (ou tentando aportar) emoción ao bo facer dalgunhas das mellores actrices e actores do país, sempre baixo a sabia dirección de Cándido Pazó.

É evidente que practicamente toda a miña vida xira arredor da música desde o seu inicio, tamén que é a miña intención que así siga sendo. Agora, coa perspectiva do tempo, entendo que o máis importante que recibín dela foi permitirme coñecer a toda a xente que fixo o camiño comigo, coa que puiden compartir experiencias, da que tanto aprendín e da que non deixo de aprender. Fómonos xuntando para facer música, para buscar a beleza sen esquecer o compromiso coa nosa xente, coa nosa terra, coa nosa lingua, con nós mesmas. Quedan moitas causas xustas polas que loitar, moita barbarie que vencer, moitos sorrisos que partillar e moitas ilusións que contaxiar. Queda, en definitiva, moita música por facer.

DNI

Guillerme Fernández, nacido en Vilagarcía de Arousa, aínda que criado na vila de Nigrán, é un guitarrista, compositor e produtor musical galego, membro fundador do grupo Berrogüetto e parte integrante doutros proxectos como Espido ou aCadaCanto. Actualmente é a cuarta pata do grupo De Vacas e integrante da equipa de directo de Guadi Galego. Codirixe desde hai anos o programa radiofónico Tres peixes voando na Radio Galega.