Nunha investigación, publicada na revista Nature, sosteñen que a parte interna do planeta rota máis rápido que a superficie. Tamén di que outras manteñen o contrario. A saber! Quizais sexa este o motivo polo que tanta xente sufre de vertixe. E coas queixas dos empresarios pola escaseza de traballadores na hostalaría debe pasar algo parecido. Porque cun índice de paro que ronda o 13 %, e asegurando que tanto soldos como condicións laborais son inmellorables, o lóxico sería cubrir esa demanda de emprego. Claro que os traballadores non din o mesmo. Neste caso, as queixas polo incumprimento de horarios, extras non pagadas e soldos que non pasan do salario mínimo interprofesional, son constantes. Parece que, como pasa coa Terra, cada parte rota a un ritmo desigual. Podemos comprobalo contrastando opinións como a de Cheché Real, Presidente da Asociación de Hostalería e Turismo de Galicia, cando manifesta que moitos prefiren non traballar para poder seguir cobrando a paguiña do Estado, coa do empresario Juan Carlos Fernández, Grupo Llano Ponte, que asegura que non se poden ter empregados servindo ata medianoite e logo pedirlle que deixen todo ben fregado. Ou a de Ángel Varela, hostaleiro de Abegondo, que insiste en que iso de que camareiro pode ser calquera xa non vale. É dicir, precisamos de profesionais ben formados que acepten traballar con contratos fixos descontinuos, ben pagados e que se poidan acoller a axudas cando ingresan nas listas do paro, para cubrir as necesidades dun sector que funciona de xeito estacional. Non é cuestión de paguiñas. E tamén os consumidores teremos que cambiar a nosa relación co sector e respectar máis. Por exemplo, iso de que «como pago» marcho cando queira ten que pasar á historia.