É incrible a cantidade de lixo que deixa a xente nas verbenas e acontecementos semellantes. É como unha epidemia. Hai lugares de celebracións que parecen auténticas esterqueiras ou vertedoiros. En ocasións, é difícil imaxinar que uns cantos centos de persoas poidan deixar tal cantidade de residuos. Son imaxes dantescas que falan moi mal da especie humana. Mesmo un se pregunta se as persoas que estiveron nese lugar recibiron algunha vez algún tipo de educación. Se asistiron a formación en colexios ou institutos que se pagan co erario público. Se é así un dá en cismar en que clase de formación recibiu, quen foron os seus mestres e que valores lles foron aportando nas súas casas. Xa non se trata só, que tamén, dun problema simplemente medioambiental. Eses residuos estercados por prazas e campos de festas supoñen un impacto para a natureza, pero tamén un forte golpe económico para os concellos ou comisións de festas. E semella que ninguén fai nada. Iso si, os axuntamentos afánanse en contratar equipos de limpeza que nas primeiras horas do día retiren a porcallada para que se poida evitar o espectáculo dantesco dos restos esparexidos. Iso ten un custe moi alto, tanto no aspecto laboral como no económico. Era mellor que a xente non emporcase e dedicar os cartos para máis atraccións musicais. Non se fai pedagoxía pública. Hai quen empeza a tomar medidas. E teñen éxito: aí está a Carballeira de Zas ou o Asalto ao Castelo. Os demais deberían seguir o exemplo, facer chamamentos a non ensuciar e poñer medios. E as orquestras terían que sumarse á campaña.