Manuel Couceiro: «O pregón é unha carta de amor entre Cee e eu»

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Manuel Couceiro, en una imagen tomada en Vilagarcía, municipio en el que se encarga de tres parroquias
Manuel Couceiro, en una imagen tomada en Vilagarcía, municipio en el que se encarga de tres parroquias MONICA IRAGO

Especial Festas da Xunqueira | Párroco en Vilagarcía, a Xunqueira foi o seu primeiro destino tras ordenarse en Santiago

13 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Couceiro Cachaldora (Rentería, Guipúzcoa; 1968) é o cura das parroquias da Xunqueira, Cornazo e Fontecarmoa, no municipio de Vilagarcía, no que leva xa 27 anos. Tamén dá clase de Relixión en dous institutos, e dende hai doce anos é o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico. E na noite de hoxe martes sumará unha honra máis no seu extenso currículo: a de ser o pregoeiro das Festas da Xunqueira de Cee. Moitos coñéceno como «o cura dos fulares», porque usa moitos, sempre, e tamén bufandas, pola necesidade que ten de protexer a gorxa.

—Cura dunha Xunqueira e pregoeiro doutra Xunqueira. Curioso, non?

—É bonito. Aínda que eu son de Donosti, como cura empecei e medrei na Xunqueira de Cee, e despois, o cardeal Rouco mandoume para a Xunqueira de Vilagarcía, que son as únicas dúas Xunqueiras en toda a diocese. A de Cee é unha auténtica raíña e señora, e a de Vilagarcía é das máis novas. Máis nova ca min. porque naceu no ano 73.

—Vostede é vasco de nacemento, pero eses apelidos delatan orixe galega.

—Claro, como tanta xente. A quinta provincia galega está en Trintxerpe [Guipúzcoa]. Meu pai é da zona do Pino, e miña nai é de Ourense. Miña nai marchou aos 8 anos para Oñate, e meu pai despois da mili xa foi para alá. Os apelidos son galegos, pero a alma, o espírito e o talante son de aló. O meu carné pon Rentería, Donosti.

—Por que o convidaron como pregoeiro? Algún motivo especial hai por aí, non?

—Iso haillo que preguntar a quen me chamou e a quen me propuxo, a alcaldesa. Non creo que sexa por falta de pregoeiros, porque Cee é terra de artistas, de músicos, de políticos, de xente de alma grande. Para min Cee, e para un cura, a primeira moza é a primeira parroquia, e soe marcar moito. Dende setembro do 93, que alí empecei con Manuel Vázquez Formoso, fun todos os anos á novena, a predicar. Levo 30 anos indo, tamén na pandemia. Eu, en Cee, síntome con certo arraigo. Marchei de alí, pero a miña vida, experiencia e progreso espiritual ten moito que ver con esa parroquia, con ese pobo, e supoño que por iso pensarían en min.

—Moito vínculo, daquela, e tamén un orgullo.

—Home, si. Para min é un reto. Eu estou acostumado a dar clases, a facer dinámicas, a facer retiros, charlas, homilías. Pero un pregón... E e que un cura dea un pregón nestes tempos, pois xa me entende. O feito relixioso, o tema do clero e o mester da clerecía non é que estea moi en boga na actualidade en Galicia ou España. E iso di moito da alcaldesa. Pero, para min Cee, antes de nada, é don Manuel [Vázquez Formoso, falecido no 2018]. Cando penso en Cee, fágoo primeiro no cura que me acolleu. Para min foi un todo terreo da pastoral, un mestre, un testigo e un amigo. Tamén penso na fonda Victoria, na ría, nos peixes, e nas boas tardes, pero sobre todo penso nel. Deixou moita impronta en Cee e nos curas que os coñecemos.

—Sen descubrir o pregón, suponse que falará un pouco de todas estas cousas.

—Eu mirei, porque nunca dei un pregón. E o pregón é unha especie de carta de amor entre Cee e mais eu. Non vou descubrir nada, pero vou a dicir o que entendo que, para min, Cee, e o ben que o pasei alí. Usando a miña formación, a retranca, e o meu humor, que sempre é bonito, e non ácido. Iso para min é un pregón, non só ser esaxerado nas virtudes dun pobo, ou da tortilla ou da lamprea ou do que sexa. Son as festas do pobo no seu conxunto.