Novo proxecto do Concello larachés e o GALP Costa da Morte

m. r. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SANTI GARRIDO

En torno ao medio ambiente e ao turismo, comezará este venres coa inauguración da exposición «Os morcegos de Galicia»

27 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, promoven un novo programa para a vila de Caión dirixido a favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e destacar o patrimonio medioambiental do litoral larachés. Así, O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro inclúe unha serie de actividades participativas, e tamén iniciativas para embelecer a paisaxe urbana durante os próximos meses e para todos os públicos.

As actividades medioambientais nas que se anima a participar a todos os públicos darán continuidade ás levadas a cabo en anos anteriores baixo a denominación A Laracha Activa e o mar de Caión. Como primeiras propostas, este venres, ás 19.30 horas, inaugurarase no centro sociocomunitario a exposición Os morcegos de Galicia cunha visita guiada coa colaboración do Ceida. Como actividade complementaria, o sábado, dende as 20.00, realizarase a ruta nocturna Os Mor-Cegos, os invisibles tornan visibles. neste caso, as prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa, que é gratuíta, no 981.60.43.28.

Xa en setembro, realizaranse outras actividades nas que tamén se require inscrición previa, como o obradoiro de redeiras (venres 20 ás 17.00), a camiñada polo Sendeiro Azul O mar forma parte inseparable da vida e da historia de Caión (sábado 21 ás 11.00) e o taller para coñecer as especies costeiras A arribazón, os tesouros do Mar de Caión (sábado 21 ás 18.00).

A outra parte do proxecto, centrada nas actuacións dirixidas a embelecer a paisaxe urbana, contempla a realización de catro murais en diferentes localizacións, e a creación dunha ruta selfie composta por estruturas que permitan tomar autorretratos e a instalación de letras corpóreas que visibilicen a identidade de Caión.

O orzamento total é de 77.000 euros a financiar a través da liña de axudas da Consellería do Mar, no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura da Unión Europea.