Axiña chegará setembro, o mes no que de verdade empeza o ano funcional, e cando rematen a Barca ou os Milagros, que é como a traca final de devoción e masas do verán, este agosto que tanto rendeu e tanto deu que falar dos ardores do turismo e dos mares de ardora, das carabelas e das orcas, do fútbol europeo e da Olimpiadas, das declaración envelenadas, festas vestidas con polémica, das grandes obras de pontes que se pechan e pontes que se abren... Todo isto, moi pronto será historia, memoria pasada, como a auga que tamén amargou algunhas xornadas.
Todo este rebumbio que parece que nunca tal vimos deixará en poucos días una sensación de oídos taponados, como cando chían, vendo xa as rúa coa xente de sempre, coas linguas de sempre (nunca tanto estranxeiro escoitei por aquí, quitando os tramos do Camiño a Fisterra e Muxía), e as paisaxes de sempre. Xa non haberá de quen queixarse, pero iso é estatística: a máis chegadas, máis casos de todo tipo. Pasearemos de novo por Razo aparcando o coche á primeira, e non veremos nin caravanas nin autocaravanas por todas partes. O pór so sol será axiña ás 8, e logo ás 7, moi detrás do monte que nin agora xa deixa velo, non coma a principios de xullo, cando se mete entre as Sisargas e os días son eternos, correndo pola area detrás dun neno ou un balón ás dez e media da noite.
Axiña agosto será unha lembranza, diremos outra vez que xa se lle nota ás tardes, chegarán as friaxes e cando nos deamos conta estaremos celebrando o Pilar, e Defuntos, e o Nadal e os décimos sen mercar. A roda esta do mundo xira moi rápido. Menos tensións, por favor. E a respirar fondo.