«O poeta da terra», outro paso na candidatura de Labarta ás Letras

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Presentado o primeiro libro infantil en torno ao baiés. Non decaen os esforzos para postulalo a un 17 de maio 

27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando no 2025 a Real Academia Galega (RAG) elixa quen será o autor ou autora homenaxeado nas Letras Galegas 2026 aínda será tempo de centenario do pasamento do baiés Enrique Labarta Pose (1863-1925). É por iso que o alcalde de Zas, Manuel Muíño, despois de congratularse da elección das cantareiras e poesía popular oral que se fixo hai uns meses, e máis sendo Zas terra de cantareiras, agardou tamén que a RAG sexa sensible coa candidatura de Labarta: «A cousa vai acabar ben».

Pronunciou estas palabras no acto de presentación de O poeta da terra, a primeira obra infantil en torno ao escritor e xornalista baiés, un traballo de Polo Correo do Vento que sae baixo o selo de Lela Edicións e que é xa a cuarta obra editada polo Concello. Participaron do encontro os seus autores, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, así como Jorge Mira, portavoz da comisión que dende hai un cuarto de século vén reivindicando unhas Letras para Labarta.

BASILIO BELLO

A todos eles presentounos Tania Carreira, técnica. Dende o Concello, avanzouse, enviaranse dous exemplares da obra, con ilustracións de Tania Solla, a cada centro de ensino da Costa da Morte. Mira, pola súa banda, lembrou que en Baio sempre houbo un fío de recordo para este veciño ilustre, xa dende hai medio século, pero aínda máis de 25 anos para aquí e, nos últimos tempos, de xeito «febril», impulsando unha candidatura para as Letras sen precedentes en apoio social, de esforzo e investimento. Sería nas Letras, dixo Muíño, perfecto símbolo da comarca galega con máis galegofalantes.