As Letras do 2025, de cheo na Costa da Morte

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Rosa e Adolfina Casás
Rosa e Adolfina Casás DOROTHÉ SCHUBARTH / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO

Especial Fin de Ano | Asunción, Prudencia, Manuela, Rosa, Adolfina e Eva: seis nomes, seis mulleres, para honrar a todo un país de cantareiras

03 ene 2025 . Actualizado a las 01:05 h.

Tiña o 2025 toda a razón de ser para que a Real Academia Galega respondese á xustificada porfía que hai máis de vinte anos manteñen en Baio e Zas para a concesión das Letras Galegas a Enrique Labarta Pose. Cumprirase neste novo ano un século do seu pasamento, mais aínda tocará esperar un pouco máis. No entanto, o vindeiro 17 de maio, e por tanto todo o ano 2025, estará dedicado á poesía popular oral a través da figura das cantareiras e pandeireteiras, un recoñecemento personificado en seis nomes, todos eles da Costa da Morte.

As «Vellas de Mens»
As «Vellas de Mens» AF Aturuxo-APOI-MPG

A escolla destas figuras para o tributo, que xa optara á elección de cara as Letras 2024 —finalmente dedicadas a Luísa Villalta—, foi recibida na comarca e en Galicia, de xeito xeral, con grande ledicia e festexo, entendendo ao fin saldada unha débeda. «Había unha chamada social ao recoñecemento destas figuras literarias nosas», comentou en entrevista para La Voz Ana Boullón, a académica que liderou esta candidatura. Poderían ser moitas outras mulleres de Galicia, pero as homenaxeadas serán tres das Pandeireteiras de Mens-Malpica (Asunción Garrido Ameijenda, Prudencia Garrido Ameijenda e Manuela Lema Villar, en tanto que Adela Rey e Teresa Lema hai menos de dez anos que faleceron e por tanto, segundo as normas para a concesión das Letras Galegas, non lle poden ser dedicadas); Adolfina e Rosa Casás, da Vila da Igrexa-Cerceda; e Josefa Eva Castiñeira, natural de Agranzón (Ozón, Muxía). Xa moi avanzadas en idade, as tamén coñecidas como Vellas de Mens percorreron mundo da man da agrupación coruñesa Aturuxo. Adolfina e Rosa, polo seu lado, foron excelsas informantes para a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart, no ano 1980, e Eva Castiñeira faría historia, entre outras cousas, subindo ao escenario co grupo Milladoiro. Logo das de Pondal (1965) e López Abente (1971), volverán as Letras Galegas para a Costa da Morte.