Nin unha butaca baleira para despedir o ano coa Banda de Música de Cee

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A agrupación deu un maxistral concerto no que colaboraron a Coral Costa da Morte, a soprano Gemma Román, dous coros infantís e a violinista Elisa Concheiro

30 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Banda de Música de Cee xa se converteu en algo así como a mensaxeira de cada novo ano. Dicíao este sábado o técnico de Cultura, Víctor Castiñeira, ante unha Casa da Cultura ateigada de público: «Este concerto de fin de ano estase convertendo nun clásico da programación cultural do Concello e unha cita esperada e agardada por moito, como se demostra con este auditorio ata os topes de xente», comentou antes de dar paso á actuación.

Con Fernando Fraga, recoñecido acordeonista e director da Escola Municipal de Música, á fronte, a banda comezou interpretando dúas pezas do compositor holandés Jacob de Haan, Concerto d'Amore e Misa breve, así como o Ave María que se lle atribúe a Giulio Caccini, malia ser composto, ao parecer, por un guitarrista ruso nos anos setenta, segundo as explicacións de Fraga. Nestas dúas últimas pezas a agrupación contou coa colaboración da Coral Costa da Morte, dirixida por Isidro Caamaño.

Continuou o concerto cunha das máis icónicas bandas sonoras da industria do cine, a que compuxo John Williams para La lista de Schindler, e para dita interpretación a banda fixo algo que nunca fixera nos seus 26 anos de historia: contar cun violín sobre o escenario, o de Elisa Concheiro.

Chegou entón o momento de entrar de cheo no repertorio navideño, primeiro con dous grandes éxitos comerciais como White Christmas e All I want for Christmas is you, interpretados na compaña da soprano Gemma Román, e despois cunha peza que se viralizou neste último ano na voz de David Bisbal, El burrito sabanero. Desta banda, foron os rapaces dos coros infantís da ESMU e do Manuela Rial os que se sumaron á formación.

A orillas del Danubio azul e a Marcha Radetzky, de Johann Strauss, completaron o repertorio desta actuación, na que debutaron Clara Delgado e Mario Casares. Ambos foron recibidos cun sonoro aplauso polo público ceense logo da presentación de Fraga, quen tamén quixo render tributo a dous mestres do CEIP Vila de Cee, antes Eugenio López, que, segundo dixo, «contribuíron coa súa xestión a que moitos comezásemos a estudar música».

Para eles, Elena e Vicente, e para moitos outros mestres que pasaron pola localidade, tamén tivo palabras de agradecemento a alcaldesa, Margot Lamela, quen subiu ao palco para valorar e despedir este ano 2024 asegurando que «en Cee, unir cultura e educación dá como resultado a excelencia».